farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
De Bolina

A canción do pirata

Xosé Ramón Pena

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Saiban disimular os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais o humor negro –ou mesmo a falta absoluta de calquera incitación ao riso-- co que se inician as presentes liñas. Mais velaí que se, por triste circunstancia, mañá mesmo vai e cae un ascensor en Bangladesh, ou na India, Pakistán… no que subían/baixaban catrocentas persoas e o resultado de tal desfeita ascende a corenta mortos e un centenar de feridos, a noticia ha de ocupar uns segundos –séndomos xenerosos, un minuto/minuto e medio- nas pantallas de TV e algo cercano a un terzo de páxina nos xornais. En todo caso, é máis que improbable que o efecto da catástrofe determine, nin no país que a sufriu nin nesoutros, "occidentais", que habitamos, fogosos editoriais de prensa, afervoadas controversias nas tertulias radiofónicas e, moito menos, apelacións parlamentarias e/ou demostracións sindicais. Porén, se, polo contrario, ten lugar un pequeno accidente nun parque de atraccións de Bélxica, Francia, Italia… e como triste consecuencia hai que lamentar un falecido, eis que saltarán decontado todas as alarmas alarmables. En fin, se o tal parque está situado en España y olé, e aínda que o defunto chegase a tal como consecuencia dunha indixestión, e non do accidente en si, perdan cuidado Vdes. que se han de encher de expertos expertísimos as radios, que botarán fume as columnas dos creadores de opinión e que a leal –é un dicir/escribir- oposición esixirá a inmediata comparecencia dos ministros –e/ou conselleiros, concelleiros…- de fomento, sanidade (polo da indixestión, claro), medio ambiente (por se acaso), agricultura (porque pasaba por alí) e de cibernética (non o hai, claro, pero por fo… er que non quede!).
Sinalan os especialistas que os piratas de Somalia e arrabaldes adxuntos contan co apoio arreo de importantes bufetes de avogados en Londres. Sen dúbida que tal información ben poida resultar precisa. Agora ben; do que si non cabe a menor incerteza é do exacto coñecemento da realidade española que amosan os tales filibusteiros e/ou o seu equipo de guionistas e atrezzo. Por exemplo, semellan coñecer ben os tales as idas/vidas, voltas e reviravoltas dun goberno absolutamente decidido a que das bocachas dos fusís nin tan sequera abrollen caraveis vermellos –¡ay, Portugal, por qué te quiero tanto!--, senón lirios, semprevivas, azucenas e margaridas mil do ande non ande, talante siempre p´alante. Como saben igualmente, os bucaneiros, dese simpático cachondeíto de audiencias, tribunais, star-xuíces, avogados de moi postinera brillantina… a ditar autos e contra-autos loucos. E nin que dicir ten, comprenden doadamente que, para alén desoutra inmobiliaria, vivimos en España, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos unha verdadeira burbulla mediática: exactamente esa mesma que se ve na necesidade de ocupar horas e mais horas de papel e/ou programación destripando, esventrando… facéndolle a autopsia, CSI e mais Hospital Central xuntos a todo o que apañe por diante. Teóricos xornalistas de investigación e/ou opinión incapaces, desde hai demasiado tempo, de distinguir entre a lóxica do seu oficio e mais a liberdade de expresión fronte a esoutra do puro e duro cotilleo, verdulería andante, patio de comadres, tertulia de taberna cutre e plató perenne de Tele 5 e que gire la noria en "Sálvame sesión continua". Responsabilidade? Mesura? Prudencia? "Aquí do que se trata é de cortar un bo traxe", sinalaron fontes próximas ao gran filósofo filántropo Francisco Camps. "De qué se trata, que me opoño!"
Un barco –todo hai que dicilo- que vai faenar onde lle peta, desobedecendo calquera sensatez; unha Unión Europea que, da súa parte, piratea tamén ela a pracer e velaí a utilización das costas somalís como vertedoiros sen control e/ou a esquilmación de caladeiros; un goberno español ao pairo; uns militares aos que se pretende armar con balas de fogueo e sen mancharen os uniformes; unha xustiza de ambulatorio cañí; editorialistas vestidos de perenne amarelo; líderes opositores a lidiaren contra a corrupción coa estratexia de que unha perna tapa a outra… Tanto ten: tanto ten que, agora mesmo, haxa case vinte navíos, de diferentes nacionalidades, en mans dos piratas e que nin tan sequera países como a todopoderosa Alemaña de Angela Dorothea Merkel son capaces de facer outra cousa máis que pagar e pagar o rescate. Isto é España, señores: curioso territorio onde calquera irresponsable é capaz de pedir que, ao mesmo tempo, baixemos os pantalóns diante dos piratas, mandemos a cabra da lexión a que arrase Somalia e parte das Seychelles, montemos varios chiringuitos de praia en Mogadiscio e que todo sexa retransmitido en vivo e en directo 24 horas sobre 24 tal a casa de "Gran Hermano".Traducido: circularmos de comedia en comedia até --que os deuses e/ou o marciano de garda de tal nos arreden!-até a traxedia final: "Con diez cañones por banda…"

COMPARTIR
 
  Encuestas de actualidad
¿Cree que algún día se pondrá en marcha el transporte metropolitano?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
39%
No 61%
 
Ver más encuestas »
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes