O Umia, ao seu paso por Caldas de Reis, urbanízase sen deixar de granxearnos un "locus amoenus" clásico. A poderosa presa encora as súas augas e prodúcese alí o paraíso das londras, a carón do Xardín romántico e dos antigos carballos do Campo da Feira. Logo, o río Umia, métese mesmo polo medio das casas da vila e recibe algún fluente. No resto do seu curso, o Umia, coma os mais dos ríos galegos, foxe das habitacións da xente; con timidez. O nome do Umia é arcaico e misterioso: os sabios na materia remontan o seu étimo a uns misteriosos "antigos europeos" que lle deron nome a moitos outros ríos de do noso Continente, desde as chairas de Polonia a Galicia e ás Illas Británicas.
Teño sobre a mesma un conxunto precioso de fichas producido polo Obradoiro Río Umia do CPI Afonso VII de Caldas de Reis. A súa profesora de Ciencias Naturais, Carme G. Bachmaier, e o departamento que dirixe, son os artífices deste traballo exemplar. Titúlase Os peixes do Umia. No traballo combínase un estudo das xeneralidades ou rudimentos da ictioloxía cunha descripción completa dos especies de paixes que habitan permanente ou estacionalmente o río Umia. Neste sentido, o estudo constitúe un modelo que debería serlle aplicado a todas as correntes fluviais maiores da nosa xeografía. O principio didáctico clásico, que ben pouco se practica e que consiste en iniciar o coñecemento do medio no lugar mesmo onde se encontra a aula para, desde alí, irse elevando á xeneralización, cúmprase de modo fácil e sinxelo neste manual (restrinxida ao CPI Afonso VII) titulado Os peixes do Umia. Incluso podemos imaxinar outro ou outros varios cadernos didácticos dedicados á herpetoloxía, á mastoloxía, á entomoloxía ou, naturalmente, ás especies de plantas que se multiplican até o infinito e combaten pola existencia no ecosistema edénico e marabilloso das augas e das ribeiras do río Umia.
Vou pasando as fichas de Os peixes do Umia e sinto saudades de cando era un rapaz que intentaba pescar, case sen éxito, no Miño, no Sorga, no Lerez. E eiquí me atopo cos nomes patrimoniais e encantadoramente vulgares da boga, do escalo, da troita, da anguía, do reo, do sable, da sabela, da lamprea, naturalmente ben identificados e designados co correspondente científico. Logo veñen aqueles peixes mariños que, polos baixos de Cambados, fan excursións Umia arriba: os muxos, o peón, a solla. Finalmente os peixes antipáticos e invasores que non existían na miña nenez de pescantín frustrado, como son a tenca, ou a aroc-iris. Qué ben.
Diciamos arriba que o estudo dos peixes podería extenderse ao dos demais animais e plantas do Umia e do seu val. Pois ben, os compoñentes do Obradoiro Río Umia e os alumnos e alumnas de primeiro da ESO do CPI Afonso VII de Caldas de Reis organizaron unha exposición sobre diversos proxectos relacionados co espazo que ordena o seu poderoso río: os muíños, os petroglifos, mesmamente as árbores que se relacionan co "horóscopo celta". Onde pode verse que un método de ensino centrado no medio natural e cultural ao que pertence a comunidade educativa é posible. Este vello profesor de Instituto que agora fai de cronista síntese feliz con estas novas que lle veñen de Caldas de Reis e felicita aos rapaces e raparigas de primeiro da ESO e a súa profesora Carmen González Bachmaier.