A Academia fixo homenaxe a Ramón Cabanillas e eses días atrás lembráronse do poeta, que fora funcionario municipal, os que hoxe defenden a lingua no ámeto local da administración pública. Unha xeira densa de actos sobre Cabanillas fóronse sucedendo ao longo do ano en Cambados. É o caso que o autor de "Da terra asoballada" morreu, hai agora cincuenta anos, no 1959.
Se volto a vista á miña mocidade vexo que Ramón Cabanillas sempre estivo alí e onde eu estaba sempre había xente que falaba del. No Bacharelato, Juan Vidal Fraga contábame cousas ocultas sobre o nacemento e vida de Cabanillas. Posibelmente o primeiro libro de Cabanillas que chegou ás miñas mans e que merquei cos meus cartos foi "Antífona da Cantiga", recén editada por Galaxia. Cabanillas foi coroado de loureiro en Padrón e eu, ben mozo, estiven alí e vin o poeta engurradiño e emocionado, mormente durante a oración xenial de Otero Pedrayo e durante o recitado glorioso de Iglesia Alvariño. O Espolón estaba acugulado de xente e aquilo foi un acto poético e galeguista de masas que nunca esquencerei. O seu enterro constituiu unha manifestación de sentemento popular e foron varios os mozos da nova xeración literaria e política os que se turnaron para levar o caixón dos seus restos. Un ano máis tarde, no 60, volveu o pobo a Cambados para se concentrar na inauguración do monolito que recorda Cabanillas no seu Cambados "pobre, fidalgo e soñador". Aquel día reuniuse a Academia Galega nun cine encheito de xente emocionada e a memoria, selectiva, ponme diante a figura ergueita de Bouza Brey a recitar unha elexía memorábel. Agora eu relembro, moi especialmente, a homenaxe a Cabanillas feita por Brais Pinto en Madrid hai tamén cincuenta anos, porque nela participou Xosé Fernández Ferreiro de quen falabamos sexta feira pasada.
En tempos chamóuselle a Cabanillas "Poeta da Raza". Eran días nos que Antonio Machado usaba moito de expresións como "el macizo de la Raza" que logo adoptaría Ridruejo na súa vida antifranquista. O da "raza" desapareceu da lingua democrática pro o poeta seguiu séndoo de Masas e Nacional. Resulta que Cabanillas é un autor moi querido porque soubo coma ningún darlles forma aos desexos e vivencias de moitos e, por veces, contradictorios sectores e tendencias. Forma que, en todo caso, é nacionalista.
Poeta cristián, por Cabanillas sentíronse representados os crentes capaces de selo ao mesmo tempo que republicanos e homes e mulleres ceibes. Revolucionario agrarista, mesmo traductor da Internacional ao galego, Cabanillas foi e é sentido como propio polas persoas de esquerdas. Patriota, Cabanillas é quen introduciu nas nosas letras a bandeira azul e branca e non hai nacionalista que non vibrase nalgún intre cos seus versos de combate. Xardineiro do idioma, os que estudan este e tratan de aperfeizoalo notan no poeta de Cambados un mestre e un guía. Somos moitos os que cremos que a lingua de Ramón Cabanillas representa o modelo do galego literario contemporáneo.
Nota histórica: Manuel Antonio no seu manifesto vangardista "Máis alá" toma distancias xeracionais e radicais a respecto de Rosalía, Curros e Pondal, por non falar da aversión que amosa polo Valle-Inclán modernista. Alónxase Manuel Antonio de Ramón Cabanillas dunha forma explícita? Non.