Como, sen dúbida, coñecen moi ben os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais, velaí que todos aqueles que se encargan do noso benestar, da educación e mais do progreso, da proxección patria sobre propios e/ou alleos… andan preocupadísimos nestes días. Xa que logo, van de aquí para aló, os tales, absolutamente inquietos, alporizados… en fin, postos de veras nun punto e aparte do máis puro e duro estado de aflición. O motivo? Pois seica non vén ser outro que ese memo de ter que constatar que en toda España, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos, con moi contadas excepcións, ninguén ten a menor idea de chamullar, chanelar, largar, botar a pacer a húmida… to catch on to, twig in verídico english language. Así, por máis que poñan as puchas ao revés e por moito que leven o talle dos pantalóns xusto por onde remata a raia de "salva sea la parte"; ben que se pasen máis de dez anos racaneando en colexios, institutos, academias, con profes de apoio, nativos de pago…; aínda que non escoiten outra música que esoutra que vomitan as radiofórmulas; mesmo que se ceben coas hamburguesas ou lle dean ás vídeo-consolas, DVD, Internet, MP3, iphone4 ou 525… ; nin tan sequera coas viaxes organizadas a Irlanda e/ou a esoutro Reino Unido dos moi fillos da Gran Bretaña, son capaces os nosos adolescentes e adolescentas –que diría calquera ministra, conselleira… ou aspirante a tal– de construír media ducia de frases fiadas, por oral e/ou escrito, na lingua de Mr. Shakespeare e mais Dna. Victoria Caroline Beckam. What´s the mother? Segundo os expertos, acontece que sobra teoría e falta práctica. Traducido –e nunca mellor dito–: apenas un simple apartado máis neste país, estado…, ou o que Vdes. prefiran, tan magnificamente caracterizado por unha decidida proclividade, tan logo xorde a menor dúbida e/ou problema, a crear unha comisión que estude, analice… todos aqueles apartados que outra comisión anterior, á súa vez, non foi quen de avaliar correctamente despois de que unha primeira tivese os seus máis e os seus menos á hora de decidir se o asunto é competencia, ou non, da Audiencia Nacional, do Tribunal Supremo, da Consellería, do Ministerio ou, xa o envían directamente aos platós de Tele 5.
Polo tanto, por máis que haxa xente "cool" que presuma de estar sempre "in" –e nunca en "off"– e que vai moito de "shopping"; por moito que construamos "parkings" nas nosas cidades; aínda que os nosos equipos do deporte que sexa conten cun "sponsor" apropiado; ben que escoitemos un "cd" e que manteñamos un "blog" "online" asemade que lle enviamos un "email" a un coñecido mentres facemos "zapping"; mesmo que practiquemos "footing" para manter a forma física e teñamos algún "hobby" de fin de semana; que acudamos a almacéns que teñen un bo "stock" daquilo que precisamos e que amosen uns bos "stands"… por máis de todo iso, non che maneira, divina nin humana, de que deamos aprendido a latricar en guiri. E é que, como sinalou o gran Rafael Gómez Ortega "El Gallo", "lo que no es, no es y además es imposible".
Non obstante, se me permiten Vdes., por moi importante que sexa a cousa esa do inglés, tampouco convén obsesionarse. E que, ao cabo, quen o sabe falar realmente? Os americanos?, os propios ingleses? Segundo George Bernad Shaw –déronlle o Nobel, non crean–, velaí que os Estados Unidos e a Gran Bretaña son, de certo, dous grandes países; iso si, dous grandes países separados pola mesma lingua. Algo que, desde logo, soubo aproveitar moi ben D. Josemari Aznar cando, preguntado acerca do seu curioso acento, declarou moi oufano que era "o típico de Little Quintana of Onesimus". Nin máis, nin menos.
Doutra parte, velaí o exemplo dos nosos sabios dirixentes. Mellor non preguntarlles polo inglés, pero tampouco polo galego, catalán ou español… Porén, aí os teñen Vdes.: presidindo, antes e agora –ou aspirando a presidir- Galicia, Cataluña… mesmo, xa postos, non teñen ningún problema para reinar –ou agardar a reinar- en toda Ezpaña, digo España.
Contan que un día lle preguntaron ao gran lingüista ruso Roman Jakobson se era verdade a sona de quera capaz de falar quince idiomas diferentes. "É certo –respondeu Jakobson– que falo quince idiomas; iso si, fáloos todos en ruso".