Tratabamos eiquí mesmo do asunto do traspaso de sacerdotes anglicanos á igrexa de Roma, vello e recurrente. Alguén que na carta que me envía se refuxía no anonimato dime que non lle agrada que eu acuse de franquistas os escritores católicos ingleses. En realidade eu falaba de Evelyn Waugh únicamente, que si que apoiou o bando franquista na nosa guerra civil. Pode o meu interpelante estar seguro de que houbo outros autores británicos da mesma confisión que fixeron o propio. Coma o poeta Roi Campbell, que mesmo andou una guerra nosa nas unidades do Requeté. Paréceme lembrar que Campbell, homenaxeado en Papeles de Son Armadans, era orixinario da colonia do Cabo.
Quen realmente fai certa bulra dos novelistas católicos ingleses é Aldous Huxley en Point Counterpoint. E.J.M.Valverde, inesquencibel intelectual católico español, ría moito da ocorrencia de Huxley cando este convertía Hillaire Belloc e Chesterton nun mostruo bicéfalo chamado Chesterbelloc. Eu téñolle moito efecto a algún escritores católicos ingleses. Por exemplo, a Greene. E, noutra xeración, a Anthony Burgess, autor da inquietante estoria que titulou A laranxa mecánica. A respecto de Eliot, nunca din sabido ben se se el pasou do protestantismo á igrexa católica romana ou ben á igrexa anglicana. Non me lle afecta moito este extremo á comprensión da súa obra poética.
Dame a impresión de que a guerra civil española dividiu os intelectuais católicos de Europa. Poñamos que, en Francia, un Jacques Maritain ou un Georges Bernanos, católicos, confesaron públicamente a súa condena do franquismo. O último, mesmo publicou un libelo esterrecente contra os crimes dos sublevados, que titulou Os brancos cemiterios baixo a lúa. Lembro ben François Mauriac. Outros, católicos coma Paul Claudel, foron sensibeis á consideración da guerra de España coma Cruzada, e prestáronlle apoio aos bispos e ao clero franquista. Foron de Petain.
O que nos leva hoxe ao problema dos católicos do galleguismo, moitos dos cales eran tamén escritores e artistas.
Alexandre Bóveda, líder do Partido Galeguista, era católico practicante e foi fusilado despois de confesar e comulgar. Tamén católico era Castelao. Otero Pedrayo, coma os anteriores, aceptou a decisión do seu partido cando este determinou participar na Fronte Popular. Unha importante corrente galeguista publicara en Pontevedra a revista Logos e nela era frecuentemente citado he comentado o filósofo tomista Maritain que antes mencionábamos. Só unha mínima porción de galeguistas católicos, encabezada por Vicente Risco e Filgueira Valverde, arredáronse do seu partido cando este se inclinaba cara a Fronte Popular. Daquela, os disidentes crearon unha chamada Dereita Galeguista. Hai que decer que só unha parte ínfima da Dereita Galeguista entrou a formar parte do Movimiento Nacional franquista. Supoño que con estas explicacións o meu atento comunicante anónimo estará satisfeito.
Unha derradeira precisión: algúns intelectuais españois que militaban na Falange e nas organización franquistas, como foi o caso de J.L.L. Aranguren e Joaquín Ruiz Giménez, nun intre determinado mudaron de lugar a pasaron a participar abertamente na oposición ao Réxime. Curiosamente, este tipo de intelectual e de político non existiu en Galicia nin aparece no campo literario e cultural galego.