En realidade, o título do célebre artigo que Francisco Silvela publicou nas páxinas do diario madrileño "El Tiempo", por volta do 16 de agosto de 1898, leva un "i" no lugar do "e": isto é, "Sin pulso", en correcto castelán. "Los doctores de la política y los facultativos de cabecera estudiarán, sin duda, el mal y discurrirán sobre sus orígenes, su clasificación y sus remedios; pero el más ajeno a la ciencia que preste alguna atención a asuntos políticos observa este singular estado de España: dondequiera que se ponga el tacto, no se encuentra el pulso".
Catastrofismo? Pura e dura Apocalypse now? De certo que este modesto cronista entende ben o contexto no cal redactou tan amargas palabras o, daquela, líder do Partido Conservador: apenas a un mes de distancia da desfeita naval de Santiago de Cuba, e a algo máis de tres daqueloutra de Cavite, no medio e medio dunha profunda crise moral e política que ameazaba con derrubar, mesmo até os alicerces, todo o edificado pola Restauración canovista. Traducido: que teñen Vdes. toda a razón, nin punto de comparación, faltaría máis!, con estoutra quebra que agora mesmo nos invade. Máis que nada, porque xa non temos, tamén todo haberá que dicilo/escribilo, unhas Filipinas, unha Cuba, un Porto Rico… que perder.
Gobernados que estamos polo Partido Liberal, liderado por D. Práxedes Mateo Sagasta –digo polo esquerdosísimo e perigosísimo socialismo rosa/vermello de ZP e familia-, caberíalle, xa que logo, a D. Mariano Rajoy y Brey -máis coñecido entre propios e alleos como Santo Job II- apostrofar como lle cómpre a todos os españolitos/as, enviciados, engolfados, engaiolados na abulia opiácea made in Leire Pajín e mariachis adxuntos/as ou aínda militantes, se cadra, nesoutras hostes chulapas de Esperanza I de Chamberí y Salamanca. E vén de facelo, claro que si, aquel que no Partido Popular manda, ordena, prescribe, dirixe, domina… ; vale, vale; tampouco hai que facer tanto cachondeo, a ver se lle temos un pouco de respecto, que é un líder nacional e… En fin, se seguen Vdes. dese xeito, con tanta gargallada, vai ser imposible poder rematar este artigo, e o que avisa…
"Excelencia –preguntáballe, cara ao final de "Franco, ese hombre", Jose Luis Sáenz de Heredia ao vitorioso Caudillo e Xeneralísimo dos exércitos- ¿Somos los españoles, como se dice, tan difíciles de gobernar?" "Nada de eso" –respondía a espada máis limpa de Occidente- "El pueblo español, cuando está bien gobernardo…" Ou o que vén ser o mesmo: en materia de sexo e política, vivimos nun país de auténticos fantasmas. Nada que ver, por exemplo, cos franceses que, vaia, sempre moi finolis e estirados eles, pero que, cando se poñen, son moi capaces de lle cortar o pescozo ao rei cristianísimo. Ou os ingleses, xentes con sona de conservadores, excéntricos e flemáticos pero que, a pesar do seu declarado amor pola patria e a raíña, tampouco quedaron curtos e decapitaron no seu día a algunha testa coroada. O noso, mentres, son os curas: ou diante deles, nas procesións ou detrás deles, a paus. Ás veces, pasamos por "modelnos" e mesmo "postmodelnos", pero tan logo como o vento sopra…
De aí esa mestura de resignación e fatalismo que acaba por admitir, e mesmo celebrar, calquera clase de embutidos: desde logo, chourizos de toda denominación de orixe, pero tamén –por moito que os "polacos" cultiven a súa singularidade- butifarras, fuet de Vic, salchichón de Osona… todos ao "tres per cent" que diría o honorable Maragall, don Pasqual. Iso, desde logo, por non falarmos aínda desoutra –longaíza, e como non!- de Pascoa tan característica da Comunitat Valenciana, por máis que non todos os seus representantes gocen dela: Dna. Rita Barberá, desde logo, pero nin D. Francisco Camps nin D. Ricardo Costa, sempre moi atentos a conservar as súas estilizadas liñas e, claro é, atentos os consellos dos respectivos xastres.
Sen pulso, pois, ou en plena bradicardia democrática: velaí a doenza que nos afecta. Ou que non os afecta, tal se vivísemos convencidos de vivirmos nunha Jauja que, máis tarde ou máis cedo, acabará por retornar ao seu. Se Vdes. non teñen clara a súa idade e, ademais, poden pasar por somalís… fáganse piratas e asalten logo un atunero español. O bocata de embutido xa o teñen garantizado.