Iniciábase o curso 1955-1956 na Universidade de Santiago. José Luis Fernández Testa e mais quen esto escribe establecimos contacto nunha mesa da Biblioteca Xeral, ámbito daquela impresionante. Pasaba de gardapós e barbicha impertinente o bibliotecario Bustamante seguido de Mochales, o conserxe que mecanografaba os apuntes de Moralejo para gañar unas pesetas.
-Yo soy de Vigo, de las Traviesas- díxome Testa a xeito de presentación. Y empiezo Medicina- engadiu.
-Eu tamén vivo en Vigo e vou facer Filosofía e Letras- correspondinlle eu.
Resultamos os dous ser Xosé Luís, o que non era na nosa xeración cousa infrecuente. Fomos, desde aquel encontró, amigos. Fómolo durante cincuenta e tres anos. Chégame hoxe a noticia da morte de Testa e fíreme no costado ao tempo que me humilla o sentido a noticia doutra morte próxima, a de Ángeles Barreiro, tan unida a Testa e a nós por fíos de permanencia agora centrada na figura doutro X.L., esta vez Franco Grande, a quen abrazo.
Testa constituiuse en centro de círculos concéntricos na Compostela que despedía a década dos cincuenta e, na seguinte, xa licenciado, foi parar a Oxford, xusto ao hospital Littelmore polo que eu pasara anteriormente facendo sórdidos labores de limpeza. E, despois, África. En Kenya, non lonxe da liña política de Tom Mboya, Testa exerceu a xinecología e participou no planeamento dos servizos públicos de tal especialidade. Logo, regresou a Galicia, naturalmente a Vigo, onde viviu o derradeiro treito da súa vida. Falaba de círculos concéntricos eu, e certamente Testa sempre foi un centro. Arredor del xirabamos e a fascinación que exercía o seu discurso vivaz e variado nos ambientes nos que se situaba facían del un "meneur", un líder, un protagonista que nin se decataba de que o era.
Como as mellores mentes da miña xeración, Testa era políglota e transnacional. Por veces tan enigmático ou sorprendente coma as personaxes de Camilo Gonsar. Podía ler e manter conversas en inglés, galego e castelán perfectos, así como, con menor habelencia, en swahili e créole de Seychelles. Tamén era racionalista, científico e curioso. A súa visión do mundo foi materialista pro non fría. Amaba a vida e os seus pequenos praceres. Vivía con fruición as satisfaccións que proporciona a amizade e o intercambio de reciprocidades. Servía con solidaridade e foi un grande médico humanista, eficiente e permanentemente posto ao día. Os seus múltiples saberes excedían á especialidade xinecológica e, aínda á medicina. As viaxes e o multiculturalismo levábanno a descubrir continuos horizontes e saberes. En Hawaii descubriu a figura da almiranta, posibelmente galega, Isabel Berreto e chegou a ser un especialista na biografía desta curiosa figura. Fixo viaxes e compartiu descobertas no universo sefardí comigo e con outros. Tivo unha etapa da vida na que a súa afección á radio o levou a escoitar no seu laboratorio todas as voces do mundo, para a miña admiración. Testa descubriu no Kilimanjaro a existencia das bananeiras de montaña, e aclimatounas nunha súa propiedade de Puxeiros, Vigo. Perteneceu, como plantador e estudoso, á organización mundial da banana. Se vivise máis tempo, Testa sempre dominado pola curiosidade e pola fame de saber, exploraría outros dominios, prácticas e saberes.
Fecho agora os ollos e vexo tres amigos mortos: Manuel Germade, Perfecto Balado e J.L. Fernández Testa. Podía incluir outros na triste fotografía da lembranza, pro escollo estes por teren sido o núcleo rector do clan vigués no que a miña primeira mocedade se produciu en procura da libertade. "Dulces y lejanos recuerdos" – que dicía Valle-Inclán.