farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Segunda Feira

Católicos e católicos

X.L. Méndez Ferrín

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

O primeiro que aprende o inxenuo continental ao chegar a Oxford é a diferencia entre "católicos ingleses" (ou sexa anglicanos) e "católicos romanos" (os que obedecen ao Papa). Logo, ao recén chegado, se provén dun país de maioranza papista, chócalle moito a liturxia anglicana polo que ten de semellante a aquela á que está afeito desde a infancia. Sen entrarmos en disquisicións dogmáticas, o caso é que a Igrexa católica de Inglaterra (e todas as igrexas nacionais da súa constelación) é a cousa máis parecida que un poda imaxinarse á Igrexa Católica Apostólica Romana.
Desde o século XIX, flúe una corrente de cregos e bispos anglicanos que se integran no catolicismo romano. O máis famoso foi o Cardeal Newman, de grande influencia no seu día. Na Grande Bretaña hai dous tipos de católicos romanos, moi diferentes entre si. O primeiro é o dos homes e mulleres de clase obreira que proceden de Irlanda e que soen ser seguidores do Celtic de Glasgow. O sengundo, reducidísimo, intégrano os aristócratas e plutócratas (no R.U. esas cousas poden ir unidas) que, procedentes do anglicanismo, abrazaron eles ou os seus antepasados, o catolicismo romano. Os segundos poden parecer una elite soberbida e orgullosa da súa diferencia. Evelyn Waugh retratou moi ben este tipo curioso de parásitas sociais na novela Brideshead Rervisited. O propio Waugh, snob, era católico romano de novo troquel e apoiou, coma outros ingleses do xénero, a sublevación de Franco en xullo de 1936. Se a anglicana é a relixión da realeza e da clase alta, a relixión católica romana adoptada por anglicanos convértese nun signo de rara distinción.
É certo que formal e aínda dogmaticamente os anglicanos parécense moito aos católicos romanos, pro non podemos ignorar os elementos protestantes que entran na composición da súa doctrina, disciplina e tradición. O máis notorio é o matrimonio, pois é ben sabido que os cregos poden casar e, aínda, as mulleres poden recibir o sacramento da orde, esquencendo estes anglicanos anovados que Deus escolleu encarnarse nun Xesús varón e non nunha femia humana e escolleu apóstolos masculinos. Ten importancia o feito de que o luteranismo levou os anglicanos a abolir as ordes relixiosas, así de frades coma de monxas. Finalmente, lembran vostedes os divertidísimos Canterbury Tales, de Chaucer, onde un conxunto de 29 peregrinos se poñen a contar estorias? Pois ben, o cisma anglicano, por influencia luterá, prohibiu terminantemente as peregrinaxes, por consideralas vá observancia, pouco acordes co espírito cristián e fonte de lucro ilícito para o clero.
E ben, eu pregúntome se esta avalancha de cregos, bispos e pobo anglicano que está a punto de integrarse na denominación católica papista vai influir sobre o resto dos fieis desta até o punto de forzar o matrimonio dos cregos no rito romano, ou enfleblecer as comundiades de clero regular (e das monxas) e as perigrinacións e romarías, grandes coma a de Santiago, Roma e Xerusalén, ou pequeñas coma a do Corpiño, por un caso. Pero non penso eu que vaia haber demasiada conmoción co proceso de que estamos a falar. E confío en que a aversión que os anglicanos senten polas peregrinacións non vaia afectar seriamente ao chamado actualmente Xacobeo en canto negocio e en canto impostura.
En todo caso parece que os usos e costumes eclesiásticos van mudar. Antes, só podíamos ver cregos (obedientes a Roma) casados en Oriente. Agora, ímolos ver tamén en Occidente. Será isto o primeiro anuncio de que a abolición do celibato sacerdotal obrigatorio está ás portas como signo dos tempos na Igrexa Católica Apostólica Romana? Non me preocupa en absoluto.

COMPARTIR
 
  Encuestas de actualidad
¿Estaría de acuerdo con alargar hasta los 18 años al enseñanza obligatoria?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
48%
No 52%
 
Ver más encuestas »
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas