Parece que a política que argallou a actual Xunta contra o idioma de Galicia non é invento propio. Precede dos laboratorios da rúa de Génova, Madrid. Ou, posibelmente, dos tanques de reflexión neofranquista do FAES. Para esa xente o fomento do idioma galego non pode ser bo porque conduce ao nacionalismo e, este, deita as súas augas naturalmente no separatismo. Para a dereita golpista de 1936 xa constituía unha grave preocupación que Galicia se convertise nunha "rexión" con Estatuto e idioma recoñecido porque así o noso inxenuo País podía tomar exemplo dos máis avanzados Cataluña e Euskadi e darse eiquí un incremento da apetencia nacionalista. Tamén por esas cousas se sublevaron.

Hoxe o PP pretende devaluar a lingua galega e a cultura que se expresa en lingua galega a fin de que entre nós non cunda o orgullo nacional senón o auto-desprezo do colonizado. Eis a razón pola cal o PP nunca lle chama a Galicia "nacionalidade histórico", que é como aparece definida no Estatuto e na Constitución.

Teño presente o feito de que o empeño galegófobo do PP non se reduce á acción de gobernó da Xunta. Nótase tamén en concellos e nunha deputación; aínda que non (felizmente) en todas as administracións locais nas que o PP funciona, seca no goberno sexa na oposición.

No corporación local da Coruña a fobia oficialista cedeu ao tempo que o PP puxo en marcha unha campaña, apoiada pola Xunta, para conseguir a habilitación do topónimo deturpado "La Coruña", que a legalidade vixente non acepta. Tal campaña provoca riso ou repulsa, entre a poboación civilizada daquela cidade ao tempo que suscita un malfadado anticoruñesismo en sectores indignados de toda Galicia. En canto ao concello de Vigo, cidade na que eu moro hai anos coma area, direilles que a vindicación contra-galega non é precisamente a de usar o topónimo de Vigo en versión española ou castelá, porque non a tén para desgraza do PP. Eiquí a proposta é (obsérvese o radicalismo) a de derogar a Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística aprobada pola primeira corporación elexida por sufraxio universal dentro do réxime político da II Restauración. Pensa en Vigo o PP que a Ordenanza favorece demasiado o galego e que iso é "imposición". Como poden ver, nas dúas primeiras ciudades de Galicia polo número o idioma dictado en Madrid pola dirección dun PP instalado na extrema dereita.

En canto ás deputacións provinciais o rinoceronte aínda está aí…), a de Pontevedra xira hoxe nunha auténtica voraxine desgaleguizadora. Os libros editados pola deputación (algún co carimbo do Museo de Pontevedra) aparecen extrañamente duplicados pois é preceptivo agora que se acompañe o texto galego dunha tradución castelán, en dobre columna. Ah, no caso no que o orixinal estea escrito en castelán, a traducción ao galego non se produce. E aínda non sabemos o que nos costou aos contribuíntes da provincia de Pontevedra un congreso internacional convocado pola chamada Galicia Bilingüe que tivo lugar tamén no Museo (coido) con cargo aos fondos de libre disposición do organismo provincial. O caso é que a deputación de Louzao e de Pedrosa conseguiu pór Pontevedra no centro do mapa galego da inquina. Ou sexa, que a Boa Vila na que se fundaron o Partido Galeguista en 1931 é hoxe a capital da reacción contra o galego e o punto principal de emisión das iniciativas galegófobas de réxime local.