A viagra, ou máis ben os efectos do sildenafil na variante masculina do ser humano, descubríronse cando os responsables dun laboratorio observaron que os voluntarios que probaban un fármaco contra as enfermidades coronarias non devolvían as mostras sobrantes. O LSD atopouno Albert Hofmann un día (logo coñecido como "o día da bicicleta") cando probou un produto seu para a estimulación do parto (aínda que non teño clara a razón de por que probou Albert un medicamento pra preñadas). O post-it, eses papeliños amarelos pra notas, son o resultado do fracaso dun ensaio pra crear un pegamento súper potente. Pois na Coruña, un experimento socioartístico dirixido a denunciar o control social e a criminalización da xuventude acabou fomentando e difundindo esa criminalización.

En concreto, a cousa xurdiu como un acontecemento máis de Outonarte, unha mostra de arte de vangarda que se se fixera en Madrid atraería os focos todos e como se fai por aquí acada a mesma atención informativa que a exposición de bodegóns da cuñada de alguén. A cousa era instalar nos Xardíns de Méndez Núñez, que as noites de fin de semana cando non chove é sede dun botellón, un trebello chamado "mosquito", unha chicharra que xera un son de 17,5 Khz, audible soamente por orellas aínda tenras, con propietarios menores de 25 ou 30 anos. Un fenómeno que eu comprobei cando un adolescente me ensinou o seu móbil, cun timbre desa frecuencia, e que el escoitaba e eu non, e non porque me falte orella. O obxectivo da experiencia artística, argallada polo antropólogo e musicólogo vigués Chiu Longina e o colectivo escoitar.org, era promover o debate sobre o control social sonoro, un sistema de termar da xente que xa empregaron os nazis coa megafonía e agora está incluído na carta de torturas en Abu Ghraib e outras institucións similares. Tamén forma parte do arsenal de uso interfamiliar, agora que o penso. A utilización do "mosquito" legalizouse no Reino Unido, non sen polémica, e prohibiuse en Francia ou Bélxica. Aquí, como era de prever, nin unha cousa nin outra.

A miña impresión persoal é que, co boureo que arma a rapazada nesas circunstancias, tanto lles afecta o mosquito como unha alarma antiaérea, pero desde logo, se a intención de Longina era remover as conciencias sobre o control social, conseguiuno. O Concello deu marcha atrás, pra que non se pensara que tras do experimento artístico estaba a real intención de poñer en marcha o método. E a sociedade civil, polo menos a xente de orde habilmente consultada, manifestouse entusiasmada a favor de que se implante, sen apenas necesitar o estímulo periodístico. "El que no quiera sufrirlo, que no venga a donde se oye", argumentou un dos encirrados veciños, recreando aquel razoamento de que con Franco había liberdade se non te metías en política. E o que ten a arte, que esperta todo tipo de sentimentos, incluídos os baixos. Como dicía Woody Allen: "Non podo escoitar moito a Wagner, porque deseguida me entran ganas de invadir Polonia". Propoño pra o próximo Outonarte unha reflexión sobre a deriva daquela cidade que se compracía en ser a capital da diversión de Galicia e na que se tiña a gala durmir unha sesta despois de cear pra logo saír espelidos a tomar algo.