Seica xa se amañou este asunto, “a nivel autonómico”, ben está. É coma un “happy end” pactado. Os representantes municipais volven polos foros de Sir Francis Vázquez, que tanto rendemento electoral lle dera, e o Secretario Xeral do PSdeG anuncia o seu apoio á iniciativa con tal que haxa consenso; pero como se sabe que non o hai, todo queda en augas de bacallau e a polémica acaba sendo remitida ao activismo grafiteiro da sucesión de intervencións particulares nos letreiros, con chapapote: A Coruña, La Coruña, A Corunha, A Cruña, A Crunha.

Habería outras solucións: o referendo abreviado, en forma de inquérito municipal dirixido a cada fogar de Galicia, ou o circunloquio elusivo á moda florentina, consistente en lle chamar a Marineda “a cidade na que xoga o Deportivo”; non esquezamos que, no plano xudicial, tivera éxito a habilidade de designala coma “a cidade na que ten a sede este tribunal”.

Agora ben, para o caso de rexurdir esa arela conservadora e conservacionista do verdadeiro nome da querida cidade do norte (“siempre fue La Coruña, no sabemos a qué vienen estas novedades”) forza será ofrecer a outros concellos unha oportunidade parecida. As traducións non son difíciles e mesmo acadan unha simpática beleza.

Por exemplo:

En galego En castelán:

A Fonsagrada - La Fuentesagrada

A Lama El Barro

A Merca La Compra

A Mezquita El Templo musulmán

Boimorto Bueymuerto

O Bolo El Bollo, El Cruasán

O Carballiño El Roblecito

O Corgo La Riera

O Pereiro de Aguiar El Peral de Aguilar

O Porriño El Porrito, El Canutito

O Valadouro El Valle de Oro

Petín Llamé

Pontedeume Puentemedió

Redondela Redondilla

Riotorto Riotorcido

Sobrado Planta Alta

Xunqueira de Espadanedo Junquera de Lirios

E para alén das denominacións oficiais dos municipios, cabería revisar outros topónimos en procura de designacións máis cosmopolitas, coma:

En galego: En castelán:

Canido Perroloco

Perdecanai Pierdeconsumadre

Mollabao Lo Mojaba.

Lavadores Lava Dolores

E así sucesivamente. O que importa é soster un bilingüismo san con absoluta liberdade para a autodeterminación lingüística e pedagóxica. O galego é cousa do corazón, alenta no máis íntimo do noso ser e cada un debe usar del cando guste e - sobre todo - como lle pete. Non se pode impoñer, porque daquela sería peor. A presión xera rexeitamento. É irracional suspender a un galego alumno de galego porque ignora o galego. Tamén o ignoran conspicuas autoridades da Administración autonómica e non pasa ren. Non quero dar nomes nin pistas que poidan facilitar a súa identificación, pero alguén que participaba na última campaña electoral autonómica manifestábase así:

“Este ano, teñemos que chear as furnas con os votos de os progresistas e de as progresistas galegas”.

Esa é a verdadeira liberdade de expresión á que todos temos dereito. Tamén se nos debería recoñecer franquicia para falar o castelán así:

“Este año, tejemos que allanar las burnas cos votos dos progresistas y das progresistas gallegas”. Á final, enténdese igual. Entenden os máis pequenos e as máis pequenas, os máis novos e as máis novas, os máis maiores e as máis maiores, todos e todas, tod@s e t@dos/as.

Avísame Henrique Monteagudo para participar o venres vindeiro nunha rolda de prensa en Compostela, para darmos continuidade ao manifesto, “Galego, Patrimonio da Humanidade”.

Celebro o convivio coma a honra que é. Alí estarei, se o tempo non o impide.