Hai moita España que devece por invertir o proceso autonomista que levantara a chamada Transición ou Reforma. Queren que as competencias cedidas ás comunidades autónomas regresen ao Estado e ao goberno central e que as provincias sexan refundidas. En realidade o que se pretende é anular o que eles chaman nacionalismos "periféricos", e mesmo "excluíntes", a favor do nacionalismo san e bo que é o deles. Esta é unha aspiración política difusa e moi extendida que parece asumida por todo o PP pro que habita tamén o PSOE, con algunha espectacular saída do armario como foi a protagonizada por Rosa Díez. En Galicia prendeu a idea neocentralista. A mal chamada Galicia Bilingüe parece adoptala, e tamén certos círculos republicanos da Coruña. Francisco Vázquez é un dos ideólogos deste contra-ataque procedente do máis profundo da caverna. A coalición PP-PSOE en Euskadi debe ser saudada como a primeira posición que conqueriu o novo españolismo centralista en territorio longamente malversado polo máis perigoso, odiado dos nacionalismos disolventes, segundo pensa esa "moita España" a que nos referimos.

Parece que o designio do PP, pois logo, é o de facer retroceder o que se chamou Estado das Autonomías ao sistema provincial decimonónico. No caso de Galicia, o goberno Núñez Feijóo marcouse como tarefa prioritaria conseguir que Galicia perda o seu sentido nacional.

O PP sabe que, desde Sarmiento, foron as mellores mentes da cultura as que propiciaron que o pobo galego se recoñecese a si como Nación. E sabe tamén que o idioma propio é o fundamento da nosa identidade e da aspiración popular ao auto-goberno. Os galegos que coñecen o valor do seu idioma síntense seguros e orgullosos; en tanto que os que o odian e desprezan tamén minusvaloran a estirpe da que veñen e nótanse desposuídos de substancia propia. A cultura galega, que valora o idioma patrio, encarnada non só en intelectuais senón tamén en amplas masas populares, é o que fixo posíbel esta autonomía que hoxe administra Núñez Feijóo para tentar demolela.

Polo tanto, a acción urxente do PP aquí apunta a extirpar do pobo a conciencia nacional e a baleirar de contidos identitarios a autonomía a fin de a reconducir a un novo provincianismo e a deixar reducida Galicia á nada nunha España neocentralista. Esta é a razón pola que todo o ruído e toda a furia do discurso político do PP na Xunta diríxese a devaluar a cultura propia. O goberno vai eliminar os Premios Nacionais de Cultura que instituíra o bipartido. Para eles, a cultura de expresión galega debe ser minimizada, marxinalizada e subalternizada até que os súbditos cheguen a ignorarse a si mesmos como pobo. Para o PP, unha Galicia que sinta a súa literatura como unha instancia alta e nobre é unha Galicia perigosamente predisposta a se sentir nación, con todos os dereitos, incluído o de autodeterminación que recoñece o consenso dos países civilizados.

Nesta mesma liña, o goberno Núñez Feijóo pretende derrogar a Lei de Normalización Lingüística e o decreto de ensino do galego mañán mesmo para, logo despois, intentar algo máis: modificar no Estatuto todo o que nel se recolle con referencia ao idioma galego co o verdadeiramente de Galicia e a obriga de o apoiar e defender. Podia que intenten tamén retirar do Estatuto a expresión NACIONALIDADE HISTÓRICA que nel consta para cualificar Galicia.