Campo de Granada

Herta Müller, Nobel en galego

Manuel Bragado

 20:54  

Os dous Nobel anunciados esta semana provocaron sorpresa inicial e polémica posterior en todos os medios. O de Literatura, outorgado pola Academia Sueca a Herta Müller, escritora alemá de nacionalidade romanesa, a pesar de ser unha das escritoras máis lidas en Alemaña, por non tratarse dun deses nomes do universo das letras que un ano si e outro tamén se repiten nas quinielas do máis popular e mellor dotado premio literario do mundo. O da Paz, outorgado polo Comité Nobel Noruegués do Parlamento Noruegués a Barack Obama, polo feito discutible que apenas en nove meses de mandato o presidente estadounidense –sen quitarlle mérito ningún a algunhas das súa iniciativas e discursos e sen esquecer as súas vacilacións en Guantánamo e Afganistán– fose considerada "a persoa que traballou máis ou mellor a prol da fraternidade entre as nacións, a abolición ou redución dos exércitos existentes e a celebración e promoción de procesos de paz". Sexa coma fose, nun caso coma noutro, a "polémica" provocada pola decisión de ambos os dous xurados nórdicos alenta a popularidade e consolida a influencia duns premios centenarios creados polo inventor da dinamita.
No entanto, ten particular interés e significado para nós o premio concedido a Herta Müller, escritora que descubrimos en 2001 da man de María Xosé Queizán, a directora da serie "As literatas" de Xerais, que nos propuxo editar a novela "O home é un grande faisán no mundo". Soubemos, entón, grazas ao estudo introdutorio preparado por Marga Romero, boa coñecedora da literatura alemá contemporánea, da traxectoria desta muller nacida en Nitzkydorf, localidade do Banato, antiga república centro europea hoxe dacabalo de tres estados Romanía, Hungría e Serbia, onde vive dende o século XVIII unha importante comunidade suaba que mantén a súa lingua, costumes e crenzas alemáns. Soubemos da peripecia biográfica desta narradora e poeta da comunidade suaba do Banato, formada na Universidade de Timisoara e perseguida polo réxime de Nicolae Ceausescu tras a publicación incompleta (chapodada pola censura) en 1982, cando traballaba como profesora, do seu primeiro libro "Niederungen" ("Tierras bajas", a súa primeira obra en castelán, editada en 1990 por Siruela), quince relatos localizados nun mundo rural pechado e opresivo, espazo literario de boa parte das súas obras posteriores. Tras negarse a traballar para o servizo secreto romanés, prohibíuselle publicar na súa terra natal, foi perseguida tanto na súas actividades profesionais coma privadas e foi elixida como Representante da Minoría Suaba de Romanía, o que a obrigará en 1987 a fuxir a Berlín, cidade na que se instalou e na que, dende entón, desenvolveu a súa actividade literaria. En 1995 ingresou na Academia da Lingua Alemá e, dende entón, recibiu algúns dos premios literarios alemáns máis coñecidos.
Máis alá de ter noticias sobre a heroica traxectoria biográfica desta autora perseguida pola ditadura romanesa, que ademais de defender os dereitos da minoría suaba á que pertence, tamén o fixo cos do pobo cigano, aconsello achegarse a súa única obra dispoñible polo momento entre nós, a novela "O home é un grande faisán no mundo" (editada en galego por Xerais e en castelán por Siruela); un fermoso título recollido dun refrán romanés que para Marga Romero "traslada a imaxe da torpeza do faisán, impedido en voar verdadeiramente, á torpeza e desgracia do home". Esta narración, indubidablemente triste, é o relato poético da espera interminable dunha familia suaba, nacida no Banato, que agarda por un pasaporte que lle permita emigrar a Alemaña. Un relato fermoso sobre unha fuxida, onde está sempre presente unha paisaxe abafante poboada por animais e vexetais que nos transmiten crenzas populares, que nos dan conta da vida deses seres que como o faisán no mundo son sufridores dos golpes da vida. Argumento achegado á peripecia biográfica de Müller, que acabamos de relatar, e onde están presentes os temas que lle son propios: os territorios do desamparo, da pobreza e da exploración das fronteiras, de todas as fronteiras, dende as xeográficas, lingüísticas, políticas ás mentais. Un relato narrado por medio dunha prosa poética moi coidada na que percibimos unha permanente tensión entre o relato da vida cotián e a reflexión sobre a realidade política. Un libro clave para coñecer á Nobel.
Comentario á parte merece que unha vez máis, o noso humilde sector da edición en galego, estea presente nesta festa mundial da literatura que é o Nobel. Xa é a cuarta ocasión nos últimos seis anos nos que o Nobel recae nun autor ou autora con obra que publicamos previamente en galego. Así sucedeu en 2004 con Elfriede Jelinek, en 2005 con Harold Pinter, en 2008 con J.M.G Le Clézio e, agora, en 2009 con Herta Müller. Unha fachenda para todos.

bretemas@gmail.com

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya