Si home si

Incongruencias

Xosé Manuel Pereiro

 20:42  

"A ver se escribes algo do da miña aseguradora". É conmovedora a fe que a xente ten nos medios de comunicación e/ou nos xornalistas como armas de denuncia de inxustizas, como se o feito de que non estean publicadas quitase que estean á vista de todos. E como se o feito de que se publiquen impedira que se seguiran cometendo. Pero, en fin, peor é calar, así que aló vamos: ese amigo que me require fíxose socio dun seguro médico hai tempo, e agora decidiu quitarse. Ben, agora non, a comezos de ano, así que chamou e dixéronlle que non se podía quitar ata outubro. Rosmou, pero aceptou. Agora dinlle que moi ben, que poña un fax, pero que terá que seguir pagando ata finais de ano. Danme ganas de pillar algo gordo para amolalos, dime. Supoño que esas condicións virían no contrato, díxenlle. Eu tamén o supoño, pero iso non quita que sexan manifestamente inxustas, contestoume. Tés razón, pero se che contara a de incongruencias que hai, respondinlle. Pois conta, retrucoume.
Así, sen pensalo, a máis rechamante é a reclamación, por parte da Xunta, dunha chea de competencias ao Goberno central, desde o control da costa ata a AP9. Ben certo que é unha reclamación coa boca pequena, por carta publicitada, en plan a culpa non é de quen pide, senón de quen dá, ou nega. Sen embargo, queda un pouco estraño que quen promove o adelgazamento da Administración autonómica, anula perigosos experimentos separatistas como a selección de fútbol que ata Murcia ten, e en xeral rosma ante calquera asomo identitario, se poña a pedir competencias. Non o fan porque a lóxica política determine que a costa galega e a autoestrada que atravesa Galicia se xestionan desde aquí, nin moito menos porque a esencia do poder é a insaciabilidade. Non. Fano pola súa fonda querenza autonomista, e porque se as cousas son boas ou malas, totalitarias e excluíntes ou democráticas e incluíntes dependendo de que as pide.
Tamén son incongruentes as técnicas zafatorias dos políticos cando se lles pregunta por asuntos que preferirían ignorar. Un exemplo é o do portavoz de Economía do PP e ex ministro, Cristóbal Montoro, que interrogado sobre o caso Gürtel, asegurou que "en un momento en que España está viviendo la crisis mayor de su historia, en vez de estar dedicados todo el país a lo que hay que estar dedicados hay quien está dedicado a otra cosa", co que non sei se suxire que os xuíces e a policía deberíanse dedicar a investigar e deter á crise, ou é un recado aos medios de comunicación. Consultado sobre o mesmo escorregadizo asunto, Núñez Feijóo asegurou que o que lle preocupa é o prezo do leite, e non a presunta corrupción, cando un home preparado coma el pode preocuparse por dúas cousas á vez, e quizais máis, sen ter que escoller unha soa.
Pero tamén se dan incoherencias no ámbito privado, non pensen. Por exemplo, o presidente da patronal, Antonio Fontenla, criticou hai pouco o concurso eólico, paralizado cautelarmente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, cualificándoo de "especie de novela por entregas, en la que al final se descubre que tenía algo de ilegal". O dirixente patronal debería recordar que no mesmo Tribunal –aínda que sen tanta presa- están imputados por un delito de tráfico de influencias un socio seu, Luis Castro Valdivia, porque un seu cuñado e ex director xeral de Industria da Xunta de Fraga, Ramón Ordás Badía, lles concedía a dedo parques eólicos e minicentrais a empresas nas que tamén estaba Francisco Vázquez, segundo destapara este mesmo periódico.
Que o mundo estea cheo de incongruencias seguro que non lle serve de consolo ao meu amigo, pero polo menos contei o seu caso.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009