Sí Home Sí

Adolescencia privada, adolescencia pública

Xosé Manuel Pereiro

 22:42  

Hai pouco dei un dos maiores esvaróns profesionais que recordo, e non porque recorde poucos. Chamáronme dun xornal para que opinara da polémica da foto das fillas de Zapatero en Washington, xa saben, esa aparentemente inocente foto de familia que deu a volta mundo. Eu dixen que non lle vía a tal polémica, porque a lexislación española establece de forma tallante que a difusión de imaxes de menores de idade está suxeita ao permiso paterno/materno, e polo tanto, se os señores Rodríguez Zapatero-Espinosa Díaz estimaban conveniente non expoñer as súas fillas á curiosidade xeral, non había nada máis que discutir, e menos falar de censura. Tamén observei que, como pasa en todos eses casos, o remedio –tentar evitar a súa difusión- soe ser peor ca enfermidade –a difusión- porque centra o foco nela. En conclusión, que non lle vía á foto interese informativo bastante pra que o feito de publicala fose un asunto de liberdade de expresión.
Como xa dixen, había tempo en que non metía a pata tan a fondo. Porque a foto e as súas circunstancias foron peza de informativos, obxecto de análise nas tertulias, materia prima dos programas de cotilleo e imaxe omnipresente en internet. Ou sexa que de interese informativo non sería, pero de moitísimo interese xeral si que foi. No único que atinei foi en que se os proxenitores Zapatero-Espinosa están empeñados en salvagardar a privacidade das nenas, mellor lles tería sido difundir a foto desde os servizos de prensa de Moncloa, a ver se así non lle-la publicaba ninguén. Dicir, como argumento atenuante aínda que non eximente da miña falta de ollo, que xa tiña claro que o morbo curioso é o segundo motivo máis potente pra atraer a atención (o primeiro é ese no que están pensando). Querer estar ao tanto das vidas da xente poderosa é moi humano --o que non significa que sexa positivo--. Como dicía un asno nun foro dixital, "como viven a cuenta de nuestros impuestos, queremos conocer sus caras", argumento falaz, porque as fillas do presidente viven do soldo que en cada momento teña seu pai, sexa presidente ou advogado. No caso dos que si viven dos nosos impostos, a familia real, o demagogo do foro dixital non terá queixa do que se prodigan nas fotos os infantiños.
Son eses aspectos infrahumanos do affaire das fotos os que me sorprenden, e xa sei que non debería sorprenderme. Pásmame que a foto se teña convertido en tema político --o que dá unha idea das alturas teóricas e éticas nas que se move a política--, fóra do lóxico debate se a familia dun presidente debe ir ou non con el nas visitas oficiais, e se a gastos pagos ou non. Alucino co escándalo pacato e pailán orixinado porque as rapazas sexan góticas. Señoras e señores escandalizados, sogras todas, grea de cavernícolas usuarios de internet: hoxe o raro e autenticamente friki é que unha adolescente queira participar nunha puesta de largo, non que sexa gótica, emo ou rapeira. Claro que posiblemente todo se deba a que España é un país raro no que respecta á privacidade da infancia, como destaca a filla do candidato republicano John McCain. Ela destácao pra ben, eu pra recordar que este é o reino do exhibicionismo infantil, da pedografía, desde os tempos remotos nos que Joselito e Marisol eran un arquetipo, ata os máis próximos nos que Paquirrín era o orfo de España, ou estes días, nos que a máis que publicitada Andreíta Janeiro Esteban abriu os informativos serios. Con estes exemplos dos nocivos efectos da exposición mediática a idades temperás, calquera pai mataría pra impedir que os seus fillos se fagan famosos.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya