Otero Pedrayo, fino coleccionista de perfumes históricos, evocou en diversas ocasións aqueles pálidos e atormentados que cambiaron frecuentemente de habitación no século XIX europeo. Cando a Revolución asegurou os seus pés na terra en forma de bonapartismo, os aristocratas e os intelectuais reaccionarios mudaron de aires, puxéronse tristes e escribiron belas páxinas, no caso de Chateubriand. Ao triunfar a reacción absolutista, a nove orde europea impeleu fora dos seus países numerosas figuras políticas e intelectuais, que escribiron mellores páxinas en terras de refuxio, como foi o caso de Victor Hugo. A sentimentalidade intensiva que chamamos Romantismo tivo que ver moito con estas situacións de desterro. A palabra que Europa usaba para designar os desterrados políticos era, traduccida a todas as nosas linguas, emigrados. Case todos ían parar a Inglaterra e alí morou e produciu o grande emigrado do século XIX: Karl Marx.

Nos días do grande confronto entre socialismo e democracia nunha banda e fascismo na outra, púxose en circulación a palabra refuxiado, que aínda é usada na linguaxe do dereito internacional. Non sei por que, un día comezouse a usar en España para referirse á situación dos refuxiados políticos, un cultismo até entón de emprego restrinxido: exilio e exiliado.

Mormente, soemos chamar exiliados aos escritores, artístas e políticos que tiveron que abandonar o territorio español a continuación da victora franquista. O curioso é que en México, e até 1976, seguiu usándose o termo refuxiado. Cando eu visitei México en 1972, alí distinguíase ben entre emigrantes que procedían de España ("gachupines", palabra despectiva) e "refuxiados", estes últimos moi ben considerados polo estamento público e pola poboación.

Na percepción común considérase o exilio político e intelectual de Bos Aires como o máis relevante no que respecta a Galicia. O feito de que alí radicasen personalidades como Castelao, Luís Seoane, ou Dieste, converteu aquel desterro en lugar mitico e de referencia preferente. Pero a importancia dos refuxiados galegos en México é grande e tivo unha singular repercusión na resistencia cultural e política que se exercía no interior de Galicia. Individualidades como Luís Soto, Carlos Velo, Florencio Delgado Gurriarán, López Durá, Elixio Rodríguez, Caridad Mateos, Vázquez Humasqué, souberon traballar en equipo frentepopulista e influír en nós, os máis novos residentes na Terra, de modo decisivo. Eran, os de México, exiliados ou refuxiados aos que non se lles parara o reloxio en 1939, precisamente. Exportaron o modelo "Padroado da Cultura Galega" a outros puntos de América. Apoiaron a reactivación do Consello de Galiza nos anos cincuenta e fundaron, connosco, a UPG. Estaban, digamos pedíndolle emprestadas as verbas a Gamilo Gonsar, "lonxe de nós e dentro". Non conectaron, é certo, cos emigrantes económicos galegos de México, pero si trataron de traballar en común cos labregos, obreiros e mariñeiros do interior do País. O seu labor foi colectivo aínda que entre eles había suxeitos de excepción: neste sentido representaban o anti-piñeirismo mesmo.

A obra pública máis considerábel dos refuxiados galegos en México foi a revista Vieiros, cun ensaio previo que se chamou Saudade. Verba galega nas Américas. Despois dos estudos de Margarita Ledo e dos que se conteñen na publicación Raigame de Ourense, proximamente en Celanova, patria de Soto (nacera en Podentes), as Redes Escarlata van celebrar un xuntoiro no que persoas que ben coñecen a revista Vieiros tratarán dela e, seguramente, do significado non metafísico dos refuxiados políticos nosos en México e da súa aportación á resistencia antifranquista galega.