De Bolina

Lusistas

Xose Ramón Pena

 22:06  

Sen dúbida que moitos (oxalá todos) dos, sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, han de participar desa mesma inclinación que alenta o autor destas liñas: de certo, coido ben que son Vdes. lusistas. E non me refiro con iso apenas a que consideren que o galego e mais o portugués –sen por iso entrarmos no espazo dos clons e moito menos en estériles reviravolas sobre dependencias e/ou subordinacións- conforman un conxunto lingüístico común, senón a que entenden que o país que se abre da outra beira do Miño non é terra estranxeira, senón algo moi próximo: un territorio que, para alén das evidencias xeográficas, constitúe unha prolongación dese mesmo no que habitamos –ou nós prolongación do sul, tanto monta/monta tanto- e, en calquera caso, patria dunhas xentes cuxo devir si que nos peta onde o corazón. Como me lembraba aínda hai pouco X.L. Méndez Ferrín –quen, como Vdes. saben ben, escribe aquí ao lado, na porta independente situada máis á esquerda-, existe un verdadeiro "club portugués" desta parte do río: convén cuidalo como lle cómpre, mantérmolo vivo cada día.

Cando esta crónica vexa a luz pública, serán vésperas electorais en Portugal. Nin falta fai dicir/escribir que este modesto cronista entende ben que, por moi amiguiños que sexamos, iso de querer plantar pexegueiros en leira allea, nunca semelleu unha escolla acertada. Porén, tal evidencia non ha de impedir –toda vez que, repitámolo de novo, estamos (case) en familia- que un servidor poida/deba sinalar aquí e agora a súa propia opinión acerca da cor que lle sente axeitada ás ribeiras de Douro, Texo, Mondego e mais Guadiana.

Infelizmente, o lado escuro teima en permanecer. Refírome a que busca persistir, malia o progreso da luz, un Portugal –un modelo de portugueses, vaia- para os cal(es) acontece aquilo mesmo que cantaba José Afonso nunha das estrofas de "Os Índios da Meia-Praia": "Mandados de alta finança/fazem tudo andar para atrás./Dizem que o mundo só anda/tendo à frente um capataz". Na opinión deses tales, o 25 de abril de 1974 debe ser interpretado, no mellor dos casos, algo así como unha brincadeira, "um dia de féria qualquer". Seica se tratou dunha especie de desafogo carnavalesco para que os "populares" puidesen, por unha vez e por breve xeira, ocupar os postos que, de forma "natural" e "lóxica", lles corresponden "aos de sempre", ás clases sociais que "por dereito" gobernaron secularmente a nación de Camões. O que é máis: non falta aínda, entre eles, quen continúe a laiarse do "altísimo prezo" que, polo visto, tivo que pagar o país por mor das "alegrías" que se viviron naquela simpática data e nas que logo viñeron. Como queira que reclamar a herdanza de Salazar-Caetano continúa a ser –aínda ben!- politicamente incorrecto, andan a disimular malamente o seu perenne ardor de estómago acudindo a unha vomitiva receita na que se mesturan as fórmulas máis resesas do clasismo coa potinguería neoliberal -supostamente cosmopolita e absuradamente snob- e, desde logo, coas chamadas a un falso, fantasmal e anacrónico nacionalismo anti-español de opereta. Falso e máis que falso porque, no fondo, a todos os que o propugnan ben que lles gustaría ter un piso no barrio de Salamanca, chalet en Marbella e poder ser admitido nas recepcións de verán do Club Náutico de Palma de Mallorca. Falando, ademais, nun correcto "castelhano", faltaría! Claro que, desafortunadamente para eles, os seus supostos "parceiros" nos Madriles nunca deixaron, nin teñen trazas, de consideralos como familiares pobres e con maneiras pailarocas.

Os que formamos parte do "club portugués" coñecemos, porén, outro Portugal e outros portugueses: boas xentes, honradas, abertas, acolledoras... que compartiron connosco unha historia chea de reveses e de traicións –por exemplo, aquela, enorme, que nos fixeron cando a chamada "Guerra da Independencia"/"Guerra Peninsular"-, pero que tamén participan do soño común dunha península libre e en progreso e onde ninguén lle teña medo a se converter na provincia de ninguén porque nela cabemos todos: diferentes e iguais; iguais e diferentes.

Cabe, e moito, a esperanza de que estoutro Portugal que non ten medo, dono de seu, se manifeste de maneira clara e maioritaria o domingo, 27. Desta beira do Miño estaremos moitos á canda dos nosos irmáns.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya