farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Segunda Feira

Turonio en prensa

X.L. Méndez Ferrín

 23:38  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Recoñecemos co nome de Turonio o país ou terra que, no sul de Galicia, se extende entre o río Miño e a Ría de Vigo. Polo Oeste extrema co mar océano, que o separa de Nova Inglaterra. E ao Leste, imprecisamente, os marcos van polos montes da Fontefría e do Suído. Vigo constitúe o centro cultural e económico de Turonio, que é espazo marítimo, pesqueiro, agrario (especialmente hortícola e vitivinícola) e industrial. Diríamos que Turonio é unha maqueta de Galicia na que se poden estudar todas as súas características e propiedades.
Turonio, con Vigo, forma a máis importante bisbarra de Galicia, desde todos os puntos de vista. Non podemos esquencer que Turonio é Terra que fai fronteira con Portugal. A Terra de Turonio é a única área industrializada que existe na Península Ibérica na fronteira Portugal/España. Unicamente en Vila Nova de Cerveira miran isto con claridade; claridade que se apreza no nome con que aqueles portugueses amigos designan o espazo histórico no que viven e negocian: Gallaecia.
É cousa sabida que en Vigo, capital de Turonio, se encontra o principal centro da edición de libros de Galicia. Tamén no universo da comunicación en Vigo, e en Turonio, contamos cun grande diario que camiña orgullosa e seguramente cara o seu segundo centenario: FARO DE VIGO. En Vigo (Compañel, Alexandre Chao, Murguía) fora fundado o primeiro e máis importante periódico do Rexurdimento: La Oliva. E en Turonio, rúa Real de Vigo, editouse o 17 de maio de 1863 o libro inaugural de Rosalía de Castro.
Decatámonos que nos nosos días existe un renacemento dos estudos locais e da prensa comarcal. O Instituto de Estudos Vigueses e o de Estudos Tudenses, entre outros, constitúen importantes factorías de investigación referidas á Terra de Turonio. Especial vigor e intelixente actividade multidisciplinar vén amosando nos últimos tempos o Instituto de Estudos Miñoranos. Quere isto decer que as ciencias do home volven os ollos sobre a realidade contemporánea e histórica na Terra de Turonio. O mesmo acontece (fenómeno paralelo) no que se refere á prensa local.
Botámoslle unha ollada a A Peneira, quincenal fundado e dirixido en Ponteareas por Guillermo Rodríguez Fernández. O periódico sobre territorios históricos de Turonio, como son O Condado, o Val do Louro ou Louriña, o Val Miñor, o Baixo Miño, e extende o tentáculo dunhas páxinas en portugués á rexión minhota. Desde o punto de vista visual, A Peneira resulta de agradábel lectura debido a que os seus deseñadores conseguiron un xornal claro e discreto. Os contidos informativos locais teñen a propiedade de estaren sacados da proximidade e destinados tamén ao lector inmediato, o que os converte en altamente fiabeis. A opinión non se centra só nas localidades, senón que atinxe a toda a globalidade contemporánea e amplíase á cultura galega e internacional. Ben escrita, ben debuxada, dotada de fotos condignas e con deseño gráfico moi persoal, digamos finalmente que A Peneira utiliza nas súas páxinas a lingua propia de Turonio que é, obviamen te, a lingua propia de Galicia.

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009