Gripado e griposo, polo visto. Ou, se así o prefiren os, sempre moi amables lectores, un país griposo e gripado, dito/escrito vaia para gozo e contento de mexericas, reviravoltas da linguaxe e de todo o que nos rodea, de todos os incorrixibles cismóns que nunca se botan a faltar en casos semellantes. En fin, poñan Vdes. mesmos a causa e mais o efecto onde consideren oportuno e disimulen aínda o pequeno xogo de palabras co que retornamos a estas crónicas semanais, logo das xornadas do verán.
Iso si, o tal quebralinguas non deixa de ter, con todo, o seu aquel. E é tal que como lle ha de poder facer frente, con mínimas esperanzas de éxito, a todo un horizonte de febres, toses, carraspeiras, dores musculares, fatigas múltiples e diversas…. vaia, ao puro e duro absentismo laboral e/ou docente que algúns andan a anunciar, un goberno coma este que (mal)comanda o inefable ZP: un executivo tocado, tolleito, maltreito, bloqueado, conformado por auténticos petapoucos…. un goberno, vaia, que ten o motor absolutamente gripado? Velaí a pregunta que, día si e día tamén, se formulan –e queren formular urbi et orbi– os caudillos populares entre proba vai, proba vén, que se métame esta costura por aquí, que se poña estoutro forro por acolá, que se lle hai que subir ao pantalón e que se ónde raios están as facturas –digo, as chaves- matarile-rile-rile, matarile-rile-ra, entre Sanxexo e Valencia (estación Esperanza no medio) vengo por toda la orilla.
Que facer, pois, diante da epidemia? –pregúntanse, mentres, nos despachos socialistas- e, sobre todo, que facer se o andazo vai e deixa baleiras as aulas de escolas e colexios? Difícil resposta, tendo en conta como as gasta o "persoal" –ou certo "persoal". A ver, se nos poñemos en plan europeos finolis, guiris "pijoteros" sempre alerta e tan eficaces… ben pode acontecer que, unha vez tomada a decisión de retrasar o inicio das clases, ou de comezar o curso escalonadamente ou, peor aínda, de mandar ás súas casas á rapazada, todo acabe en augas de bacallau –que lle din os irmãos da outra beira– e os papás e mais as mamás (e os avós, avoas e toda a santa familia) se poñan talmente como cabalos, baixando dos ceos a todos os devanceiros dos ministros responsables, ao comprobaren que apenas tres ou catro cativos por aula apañan o trancazo. E é que señores… quen atura aos cativos na casa todo o santo día? A canto van ascender os gastos dos móbiles? Quen evitará o colapso en Internet?
Claro é que, doutra parte, non deixa de ser moito certo igualmente que se, postos en plan machote, a decisión gubernamental consiste en proclamar que "aquí non pasa nada" e logo vai e vén de veras o lobo… que ministro/a –ou conselleiro/a- vai ter o valor, a audacia… quen se vai adornar co pano dos kamikazes e facerlle frente a un contaxio que, como na canción da tuna, deixe "triste y sola" a Fonseca ou, postos en plan local, aos Coia, Celso Emilio Ferreiro, San Tomé do Freixeiro, Rúa Palencia, Castelao, Rosalía de Castro, O Chouzo, etc, etc, etc? Imaxinan Vdes. os "Pirulí", Meixueiro… botando fume?
Pero non desesperemos. Como reza o vello adaxio: "contra el mal tiempo renuente,/¡pone buena cara la gente decente!". Se ZP e compañía foron quen de deseñar un plan E –"burato aquí, burato alí/maquíllate, maquíllate"- malo será que non se lle veña aos miolos outro semellante incluíndo, por exemplo, "Operacións Triunfo" simultáneas, "Gran Curmán", "Gran Avó", "Gran tío de América", "Gran Cuñado…" , "Los Lunnis", "Los Martis", "Los Miércolis…" e, para remate de festa, unha ducia e media de especiaiscombinados "Sálvame-G-20", en plan after hours, que deixen convertido nunha novena para beatas calquera botellón fin de semana. "Pódolles garantir que trataremos esta cuestión con igualdaz, libertaz, equidaz e elasticidaz" –anunciará o presidente diante dun Parlamento abriado- mentres María Teresa Fernández de la Vega ensaia, polo baixo, a súa aportación folk. Quen sabe? Tal vez resida aí a orixinalidade hispana, a nosa singular aportación para saírmos da crise e comer perdices.
Pero escéptico e agnóstico de seu, D. Mariano Rajoy sinalará unha vez máis o seu desacordo coas medidas gubernamentais. Logo, como de costume, irá dar unha volta polo século XIX, que é o que lle mola. Que lle imos facer? España e algúns sonlle así, señora.