farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Campo de Granada

Reducir, a ecoloxía profunda

Manuel Bragado

 21:44  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Esta semana fomos moitos os que quedamos impactados cos reclamos da “Bolsa caca”, a campaña de carácter viral, promovida coa intención de rematar coa utilización das bolsas de plástico por consideralas moi daniñas para o medio ambiente. A verdade é que esta campaña publicitaria, que acompaña a decisión de Carrefoour de non entregar máis bolsas plásticas nas súas liñas de caixas, utiliza argumentos eficaces, enmarcados nunha estratexia de desenvolvemento sostible. En mensaxes moi directas evidencia que na fabricación desa enorme cantidade de bolsas plásticas consumidas en España (unha media de 238 por cada habitante, segundo Ecoembes, a sociedade privada sen ánimo de lucro que xestiona a recollida e reciclaxe de envases lixeiros de plástico, cartón e vidro) utilízanse importantes cantidades de petróleo e despréndese unha cantidade desorbitada de CO2 que supón unha importante contribución ás emisións que xeran o efecto invernadoiro. Feito agravado se atendemos a que apenas reciclariamos o dez por cento desas unidades aparentemente inofensivas que, porén, tardan catro séculos en descompoñerse, lixando a paisaxe e nalgúns casos constituíndo unha ameaza para a propia fauna. A campaña propón como alternativa o emprego de bolsas reutilizables de algodón, de bolsas biodegradables fabricadas a partir de amidón de millo ou pataca, de carriños ou dos cestos artesanais. Todo un acerto.
Nesta mesma semana de reentrada outonal, tamén despedimos ás lámpadas incandescentes de 100 watts e halóxenas de máis de 950 lúmenes que dende o primeiro de mes deixaron de fabricarse en toda a Unión Europea. Unha medida incluída dentro da Directiva Ecodesign que abre un calendario de eliminación progresiva das lámpadas incandescentes (aínda o 80% das utilizadas nos nosos fogares) e que deberá levar a que en 2012 empreguemos exclusivamente as de baixo consumo, sexan as fluorescentes compactas ou os led. O aforro enerxético e a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro son tamén as razóns que xustifican esta mudanza, que nun futuro podería afectar tamén ás botellas de plástico e a outros moitos “produtos de usar e tirar”.
A coincidencia destas dúas noticias, que afectan á vida cotián de todos os cidadáns e cidadás, amosa que é tan imprescindible como inevitable asumir mudanzas profundas no noso comportamento con respecto ao consumo enerxético e a relación coa propia natureza. Os discursos sobre a importancia da reciclaxe e da separación dos residuos (máis dun quilo diario por persoa), que caracterizaron o medioambientalismo morno de entre séculos (coincidente cos anos de fartura e desenfreo do capitalismo da globalización), son hoxe absolutamente insuficientes para facerlle fronte á saúde dun planeta que comeza a agonizar. Abonda con atender o chamado, un auténtico S.O.S., que esta mesma semana realizaron os científicos que prognosticaron que ao ritmo actual é probable que antes do ano 2030 o Polo Norte quede sen xeo durante o verán. Algo tremendamente inquedante, xa que esas neves perpetuas son un dos termómetros máis fiables sobre a saúde do planeta. No entanto, non é necesario acudir á situación do Ártico para convencernos da necesidade dunha mudanza radical sobre a nosa relación coa natureza. Abonda con deitar a mirada sobre o noso país, onde semella que volven os tempos do desleixo e do deixar facer sobre os nosos ríos, rías, costas e outros espazos naturais concibidos como meros espazos dos que tirar beneficio económico inmediato.
No obstante, tanto os problemas medioambientais globais, que afectan á saúde do planeta, como aqueloutros locais, que afectan a conservación do patrimonio natural ao noso cargo, requiren unha nova estratexia ecolóxica, identificada na redución drástica e significativa dos consumos que poña freo decontado a este malgasto de enerxía, alimentos, envases e espazos que até agora se nos presentaba como inevitable para acadar o crecemento económico e, polo tanto, o noso benestar. Como salienta a escritora Teresa Moure no seu máis recente ensaio, “O natural é político”, a ecoloxía “é unha forma de pensamento que fai referencia á necesidade de emprender cambios profundos e de maneira urxente tanto no ámbito da organización social como nas actitudes respecto do mundo natural non humano”.
Está demostrado que é perfectamente posible vivir feliz sen bolsas plásticas e lámpadas incandescentes. Ogallá que estas dúas primeiras medidas redutoras nos convenzan sobre a necesidade imperiosa de reducir o noso malgasto enerxético, e acometer outros comportamentos máis austeros que afectan a nosa mobilidade, alimentación e lecer cotiáns. Cada paso atrás de cada cidadán e cidadá nesa carreira tola do consumo desbaldido é apostar pola ecoloxía profunda.
bretemas@gmail.com

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009