segunda feira

A cuestión policiaca

X.L. Méndez Ferrín

 22:32  

Lin esoutro día que o BNG esixe, seica xa, a creación dunha policía nacional galega, das chamadas oficialmente autonómicas. O que nos leva a seguir tratando de Euskadi.

Segundo creo, o tempo (pouco) que durou o Goberno de Euskadi e durante a guerra civil foi creado a impulsos do PNV un Exército e unha policía de carácter nacional vascos. Tamén foron troqueladas pesetas co nome de Goberno de Euskadi, e non sei se selos de correos. Convén non esquencer que o nacionalismo vasco (todo el) é constitutivamente independentista; non así o nacionalismo galego. Tamén o nacionalismo vasco, durante o tempo no que gobernou a Euskadi autonómica republicana, puxo en funcionamento unha policía nacional propia. E esa policía e mailo exército citado tiveron os seus servizos secretos, independentes do SIM (Servicio de Información Militar) español.

Despois da ocupación de Vasconia polas forzas franquistas (con continxentes vascos agrupados no Requeté) seguiu funcionando o goberno de Euskadi estraterritorialmente. Coa derrota da República, o goberno vasco pasou ao exilio e mantívose durante toda a dictadura como depositario da legalidade democrática. Durante os pactos da que outros chaman Transición e nós Reforma, Suárez e os poderes reais na sombra (exército, franquistas evoluídos, banca, igrexa católica, PCE, socialistas, Departamento de Estado de Norteamérica …) víronse obrigados a convencer o goberno vasco no exilio para el dotar de lexitimidade a automía outorgada baixo o réxime da Segunda Reuración borbónica.

Algo semellante quixo facer Castelao (e os seus) co Consello de Galiza, pro decontado Ramón Piñeiro (e os seus) desautorizaron o órgano fideicomisario da legalidade republicana galega e o galeguismo non tivo así ocasión de se personar nos pactos da Restauración ou Reforma Política.

O caso é que restos da policía vasca republicana permaneceron activos ao servicio do seu goberno e dirixidos polo PNV durante toda a dictadura franquista, e moi en contacto coa CIA e con outros organismos norteamericanos. Para o PNV era (e é) moi importante contar cunhas forzas armadas e policiais propias como garantía dos avances de Euskadi cara a súa independencia. Aínda o PNV, que tén lentes de longa vista, pensa que debe controlar unhas forzas policiais na hipótese dunha guerra civil debido a que eles estudiaron a historia de Irlanda e saben quen foi Collins.

O BNG nunca quixo nin pediu que existise unha policía nacional galega, porque o seu proxecto, se algún día foi independentista, hai xa tempo non é tal. Agora leo na prensa diaria que o BNG esixe a Núñez Feijóo a creación dun corpo galego de policía. Eu pregúntome por qué non o pediu cando gobernaban galeguistas no tripartito de Laxe nin na era Fraga Iribarne (segundo apelido vasco) nin tampouco diu conta do recado no tempo en que tan mal gobernou cos socialistas. Naturalmente, eu non penso que o BNG se contaminase de repente co independentismo do PNV; pro mesmamente paréceo.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya