farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Os Camiños da Vida

A conexión vasca

X.L. Méndez Ferrín

 23:21  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

X. Ramón Pena publicou tres artigos sobre Ramón Piñeiro que deixaron noqueado o neopiñeirismo, no outono da celebración do ano das letras galegas. Razoaba Pena verbo da dependencia vasca de Ramón Piñeiro no nobelo da conspiración galeguista da após-guerra mundial. Tamén Castelao, o inimigo que Piñeiro tratou (en van) de abater era filovasco e teceu por varias voltas o pano da Galeuska. A relación entre o nacionalismo vasco e o galego é vella, complexa, duradoira; existe, molesta. Os escritores en lingua vasca aman e traducen, de Aresti a Atxaga, pasando por unha ducia de outros, literatura galega ao euskera cunha fidelidade que conmove. A min, sen ir máis lonxe (eu son o nacionalista galego que teño máis á man), téñenme acusado, infinidade de veces e desde os sitios máis dispares, de vasquista. Un bisavó dunha miña filla, poño por caso, combateu no Batallón Celta (integrado por gudaris galegos) no Exército de Euskadi durante a guerra de España e o pai do meu amigo Betanzos (o cociñeiro de Celanova ilustre) morreu tamén como gudari na defensa de Bilbao.
Hoxe anda moita xente escandalizada porque os bispos de Euskadi fixeron énfase no feito de que o franquismo fusilou unha chea de cregos vascos. O director vasco do meu vello instituto (inesquencíbel Argomániz), contoume con detalle o fusilamento do seu párroco de Olazagutía (ou Alsasua), na provincia vasca de Navarra: Meu tamén amigo Pérez Izaguirre, da Libraría Gran Vía de Vigo, e exgudari coma o anterior, insistíame no mesmo. Eu pensaba que todo o mundo sabía por estas terras que moitos cregos vascos foran asasinados polo franquismo. Na primeira hora, cando en Navarra triunfou o alzamento, ou no chamado restrictivamente Euskadi a partir da entrada das hordas franquistas alí.
Fecho os ollos e véxome no Ourense da miña nenez, coas calores de xullo obrigándonos a todos a nos achegar á Pena de Francia sobre o río Miño, a Oira. Meu pai facía a ronda nocturna das radios democráticas: Londres, Moscú, París. "Ici Paris, Radiodifusión et Television Francaise" –dicía unha voz feminina de veludo republicano que nos encantaba–. Logo, pola radio París, viña a moi esperada intervención do Padre Olaso. Este era un crego vasco antifascista que lle puña arrepío a todo o episcopado español. Lembro a súa voz insistente, enfática, algo cortada ao estilo vasconce subterráneo. Un día falaba o Padre Olaso do dereito dos traballadores á folga á luz da doutrina de León XIII. Outro, o padre nacionalista vasco falou (estouno a ouvir) dos cregos vascos asasinados polos requetés, falangistas e franquistas en xeral en Alava, Guipúscoa, Biscaia e Navarra. Meu pai non era vasquista, pro parecíao ao mirar unha verdade coidadosamente oculta pola propaganda do réxime de Franco que se difundía ao mundo desde radio París, onde estaba De Gaulle e a bandeira era tricolor coma a dos españoles vencidos.
Foi entón cando alguén moi piadoso da miña familia intervíu desde a cociña:
–Teño entendido que cando entraron os nacionais en Bilbao había moitos cadáveres de soldados roxos que tiñan un detente no peito.
Traducido á lingua vixente a persoa que falaba desde á cociña facendo un comentario ao Padre Olaso querería decer algo así coma isto: moitos gudaris mortos na defensa de Euskadi levaban ao peito o detente, que era un símbolo católico militante que este cronista nunca soubo en que consistía.
Claro que o PNV e a súa central obreira ELA foron membros e fundadors da internacional cristianademócrata a socialcristiá. Bóveda e os católicos do PG, sen seren vasquistas, ou séndoo de algún modo, andaban nesta mesma liña e pensaban na sociedade cooperativista (ao modo vasco e ao modo dinamarqués) como unha boa saída para a Galicia campesiña contemporánea que eles soñaban. Seguiremos seguramente con este asunto.

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009