Carlos Casares publicou en 1968 “A galiña azul”, o seu primeiro libro para nenos, gañador do primeiro concurso de contos infantís da Asociación Cultural “O Facho”. Aquel bulideiro 1968, foi tamén un ano decisivo para o agromar da nosa literatura infantil e xuvenil, xa que, por fin, se publicou en Galicia “Memorias dun neno labrego” (editado en 1961 en Buenos Aires por Follas Novas) por Ediciós do Castro, ademais doutras tres importantes novidades, “Os soños na gaiola. Versos pra nenos” do poeta Manuel María, publicada pola luguesa Ediciones Celta, e outras dúas de Galaxia “Contos pra nenos” de Laureano Prieto, unha escolma de contos populares da comarca ourensá do Bolo, ilustrados polo pintor Virxilio, e a xa citada “A galiña azul” de Carlos Casares, ilustrada con debuxos de Trichi, Ilda, Mima e Alberto García Alonso, fillos de Xohán Ledo (Ricardo García Suárez), o deseñador e portadista de Galaxia durante máis de trinta anos, falecido hai apenas agora tres veráns.

Os cinco contos d’ “A galiña azul”, reunidos nun libro que Casares escribiu para Ana, unha nena que se foi de Galicia para Santander, a terra de orixe dos seus pais, coa intención de “que non se esquecese nunca de que é galega”, foron considerados ao longo destas catro décadas coma de plena actualidade por que constitúen mostras de comportamentos solidarios e promotores do recoñecemento positivo do valor da diversidade. O peixe da fonte do xardín morre cando intenta darlle auga a un paxaro asedado. Leoncio, o inventor do “papapío”, un idioma para falar cos paxaros e as formigas, e ademais o creador dunha bomba moi pequeniña, a da felicidade que cando estoura derrama música, rosquillas e globos de colores. A galiña azul de Lorenzo, que dá título a todo o volume, un galiña moi bonita e moi rara, que ten cinco plumas vermellas na á dereita, pon ovos de colores e ademais non di cacaracá como as outras galiñas, senón que di cocorocó, o que preocupa moito ás autoridades. Ou esa formiga esquiadora e valente, que camiñaba moi amodiño pola súa conta fóra da fila, por mor de que tiña unha pata rota. Cinco contos que expresan estes valores universais enmarcados no compromiso teimoso do seu autor co idioma galego, que explicita moi claramente no derradeiro parágrafo da carta coa que se inicia o libro: «Mentres non volves, mándoche estes contos, escritos na túa lingua, para que ao escoitar estas palabras poidas relembrar aquelas outras ditas por aquela vella campesiña que viña do dentista de arrincar unha moa: “¡Ai, que nena tan bonita! Parece unha mazá”.»

Até hoxe “A galiña azul” coñeceu catro edicións, todas elas publicadas pola editorial Galaxia. Tras a orixinal, en 1988 apareceu a edición da colección Tartaruga, en 1991 na colección Árbore (ilustrada por Xan López Domínguez) e en 2007 unha nova edición en tapa acartonada recuperando as ilustracións orixinais dos fillos de Xohán Ledo. Non hai dúbida de que o libro de Casares, como aqueloutros de Laureano Prieto e Manuel María da gran colleita do 68, forma parte xa do patrimonio de clásicos da literatura infantil e xuvenil en galego.

O recente anuncio de utilizar o título do clásico infantil de Casares como denominación da rede de escolas infantís de Galicia parécenos unha medida oportunista. Tras denigrar o funcionamento da rede de galescolas (onde non houbo nin por asomo adoutrinamento ideolóxico nacionalista nin as políticas de inmersión que se inventou a propaganda dos sectores galegófobos), os responsables actuais da Xunta apenas son capaces de modificar os logotipos na cartelería dos centros e no material do alumnado (incluídos eses mandilóns e mochilas que tanto criticaron cando estaban na oposición). Aí todas as mudanzas reducidas a unha modificación publicitaria de escasísima entidade.

Porén, esta manobra política, que ten a clara intención de apropiarse simbolicamente do patrimonio galeguista de Carlos Casares, non é quen de ocultar os problemas e as carencias da oferta pública en educación infantil en Galicia, que segundo as cifras máis optimistas non acadaría o 25% da poboación de 0 a 3 anos. Aquí nesta clara insuficiencia de oferta pública (esta rede de escolas infantís da apenas conta con 6.100 alumnos e alumnas) é onde se atopa o cerne dun problema que deita inevitablemente ás familias novas nas mans da oferta privada (entre 240 e 300 euros ao mes por picariño custa unha praza nunha gardería) ou, sinxelamente, impide conciliar a vida familiar e laboral ou deixa as mulleres con pequenos na casa. A imprescindible incorporación desta rede á consellaría de Educación e a formación pedagóxica do seu persoal non son, tampouco, cuestións menores que o Goberno Feijoo adía sen prazos nin compromisos. Magóanos que a valente galiña azul de Casares sexa utilizada para agachar todo isto.

bretemas@gmail.com