farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Sí Home Sí

As alegrías da telefonía estival

Xosé Manuel Pereiro

 04:16  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

Se están lendo isto -ademais de por unha deferencia súa e pola do director deste periódico que nos dous casos agradezo- é pola existencia dun trebello chamado módem usb, que sirve para conectar a internet o ordenador portátil que cargo aló onde eu vaia. Ben, se non existira, leríano igual, porque antes de telo, en épocas de trashumancia estival coma estas nas que abandono a seguridade da conexión da miña casa, apañábame conectándome a través do teléfono móbil (circunstancia que hai uns veraos me proporcionou un desgusto de 600 e pico de euros), ou usando o teléfono fixo de toda a vida das casas ás que ía (coa amable resignación do resto dos habitantes, e por alusións aproveito para felicitarlle o santo á miña sogra), ou me desprazaba a un cíber. Que por min non quedaba, vamos. Pero este verao decidinme, a maiores de deixar unha desas barbas que unha miña cuñada chama "tocinera", facerme cun módem usb. Nunca tal fixera (o do módem, o da barba vai en gustos).
O asunto do tal módem, caso de que sexa de tarxeta como o meu, funciona do seguinte xeito: primeiro cómprase o trebello, que xa vén cun bono para os primeiros usos, e logo hai que recargalo de cartos, e con eses cartos mercar máis bonos. A razón de por qué se diferencian os cartos dos bonos escapóuseme nun primeiro momento, ata que ben vin cal era, ou polo menos a quen beneficiaba esa diferenza. O caso é que ben pronto consumín ese primeiro bono, e tiven que recargar o meu saldo, e encargar máis bonos. O de recargar faise por teléfono, en caixeiros ou nas tendas, non hai máis que facilidades. Logo hai que mandar un sms para encargar o bono. Ao recargar, dinche que che han mandar un sms de comprobación. Como non chegaba, chamei a atención ao cliente. Xa saben o proceso: primeiro un tranganillo, unha desas músicas pretendidamente animosas que non pasan de infantís ("nana-nanana-nanara-naná") e logo unha máquina faiche unha serie de preguntas ata que atina coa gravación que che ten que poñer. Como o meu era o que eles chaman "unha incidencia", agardei -"nana-nanana"-, e cando me saíu o axente operador, conteille o caso. Entendeume daquela maneira, porque o que me fixo foi outra recarga a maiores. Mandei o sms para o bono, e seguín ao meu, que é gastar conexión.
De alí a uns días, o trebello rateaba. Chamei o servizo de etc. -"nana-nanana"-. Da liña do cliente pasáronme á técnica -"nana-nanana"-e de alí á dos modems, ou ao revés. O caso é que me dixeron que tiña que baixar o software do trebello da súa páxina. Claro, pero para iso necesito o trebello. Un momento, por favor -"nana-nanana"-. Que podía ir ás tendas máis próximas, a que mo baixaran eles. Fun –ás dúas relativamente próximas- e dixéronme que eles só vendían trebellos, nada de baixar nada. Fun á casa dunha amiga, a baixar o programa pola miña conta, e resultou ter un trebello idéntico, ao que lle puiden coller o software. Proba conseguida. Amañado. Ata o día seguinte. Atención ao cliente -"nana-nanana"-. Xa estabamos en agosto, e ata as gravacións estaban de vacacións, porque a metade nin se escoitaban. Empecei a berrarlle ao teléfono pasando de "diga uno o diga dos", ata que me saíu un axente. Conteille o caso. Pasoume a outro departamento -"nana-nanana"-, e de alí a outro, e sucesivos. Debín pasar por todos os servizos da empresa operadora. Escoitei todos os acentos posibles do idioma castelán. Ao final, resultou que nunca subscribira bono ningún, que os sms que transportaba a súa propia empresa non chegaran, ou que os axentes que atendían os seus propios servizos non fixeran as cousas como debían. O caso é que gastara xa toda a pasta recargada, como se usara o móbil e non o módem.
Se o volvín recargar, é por vostedes. Se non cambiei de operador, é porque como me dixo nas festas da aldea un veciño que é un cargo medio doutra compañía: "podes cambiar de muiñeiro, pero non de ladrón".

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009