Segunda Feira

Rivas académico

X. L. Méndez Ferrín

 21:49  

A semana pasada a Academia elixíu, en plenario e por unanimidade, Manuel Rivas Barrós para ocupar un dos seus asentos. Desde Curros e Murguía até o día de hoxe a institución da Rúa das Tabernas, Coruña, funcionou coma unha cadea cuxos elos foron reforzando a través do tempo a identidade galega. Con Rivas a Academia complétase e vaise vendo que ficaron atrás os días baixos nos que a corporación que vela pola lingua rexeitaba os escritores. Rivas numerario e Novoneyra designado para o Día das Letras son evidencias da nova mentalidade académica. Entre logo Rivas naquela Casa centenaria en días de ferro para a nosa lingua, perseguida desde a Xunta con determinación revanchista (destinada ao fracaso).
Manuel Rivas é un escritor profisional que sen ceder nunca á obviedade e á vulgaridade acadou o éxito. Un éxito internacional sen precedentes entre os autores galegos. As obras del, todas orixinalmente escritas no noso idioma desde os seus inicios na revista ´Loia´, foron traducidas a máis de vinte linguas. E esas traduccións estranxeiras viron a luz non en calquera editorial, nin moito menos nas especializadas nas edicións fraudulentas de autor que satirizara Umberto Eco, senón nas máis esixentes de Europa e do Mundo. Se París segue a ser a capital da República Mundial das Letras, Gallimard é a máis prestixiada editorial de tal República. E ben Manuel Rivas viu publicada en Gallimard a súa novela ´Os libros arden mal´ e todos soubemos, co peito ensanchado polo orgullo, que a mellor crítica francesa valoraba este libro entre os grandes.
Estou seguro de que Rivas, con todo, está máis satisfeito do seu éxito en Galicia ca do seu éxito internacional. O destinatario primeiro dun autor galgo é o lector galego contemporáneo, sen perder a esperanza de que, na ultratumba, sigan a frecuentalo os lectores futuros. Isto ocórrelle e ocorreralle a Manuel Rivas. Os seus textos gozan do favor duns destinatarios fieis, constantes e renovados, o cal constitúe a razón de vida de calquera literato. O que sobrevén porque o noso académico novel nunca cedeu á facilidade nin aos modelos impostos polas casas editoriais e polas páxinas de literatura comercial. Intransixente consigo mesmo, Rivas conseguiu construir o seu propio lector –como o citado Eco di que o grande escritor debe facer se quer ser tal e non se diluir no magma das formas herdadas e non conflictivas.
Rivas é novelista, contista, poeta, prosador de periódicos. Até mesmo escribiu algunha obra de teatro que non tiven ocasión de ler nin de ver representada. É orador e mesmo ás veces interventor de escenario moi resolutivo e feliz. A súa literatura ten a condición dun Fernet Branca que se anunciaba a si mesmo co adxectivo inventado de amarevole. Isto é: amargue e amábel. Sen bruido e sen furia, pode ser músico da alma e espora crudelísima da conciencia. Rivas vén de Castelao e da ética atea do Camus da miña adolescencia; constitúe unha contradicción viva da galdrumada posmodernista, non sei se se lembran. A súa prosa semella simple e o seu estilo, como quería Amatole France, resulta aparentemente claro. Ocórrelle coma á luz, que non se ve. Ao pasar un raio polo prisma ela descomponse nas cores de Iris e revela a súa complexidade interna. As estorias que Rivas conta son realistas e históricas, e aínda impregnadas de lirismo xenuíno e alouleadas de fantasía cando o amo do relato o considera necesario.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya