Uns berros estridentes romperan o silencio da mañán. A megafonía oubeante anunciaba o espectáculo. A xente, asaltada no seu tranquilo descanso, miraba sorprendida.
Uns foron despertando do seu sono, outros intentaban seguir durmindo.
Pregoábase "o gran espectáculo participativo" "¡No a la imposición!".
Houbo moita xente que, molesta polo barullo armado non quixo nin achegarse a ver o que era. Outra dicía que había que darlle á compañía un voto de confianza. E outra máis acudía picada pola curiosidade.
O tan cacarexado espectáculo comezou con retraso, ía cunha lentitude incrible e víanselle fallos por todas partes que os organizadores trataban de ocultar baixando o nivel da iluminación. Pero nada, aínda así a cousa notábase e as protestas do público ían en aumento.
Aos asistentes dixéranlles que ían ser consultados, que terían voz e voto, e atopábanse con que eran simples comparsas que non contaban en absoluto. Que xa estaba todo escrito e decidido e que eles non pintaban nada. E o que é peor: que os personaxes da farsa ("El presi", "el conseguero", "o bufón" e demáis) eran movidos de maneira burda polos manipuladores da compañía ("Galicia unilingüe"). Nunca peor guiñol se vira. Un arremedo.
E rematou a primeira parte ("A consulta") como se prevía que ía rematar. Non houbo aplausos e si numerosas críticas dos espectadores. Un pai dicía: "Máis que consulta aos papás foi unha consulta aos pepés". Unha nai: "Nada de pedirnos a nosa opinión: o que pretendían é que foramos uns monicreques coma eles!". E outra: "Ti viches que nos preguntasen se queriamos que os libros de texto fosen gratuítos?"
Ao bufón mandáronlle que anunciase o descanso e que axiña comezaría a segunda parte: "Os contactos cos axentes". E, todo atrapallado, intentou vender fume.
Aínda non rematou a pantomima. Seica os galegos e galegas van seguir aturando que estes pésimos actores sigan representando a súa burla? Ou van volver á rúa en número superior aínda ao do 17 de Maio? Decataráse a xente de que a defensa da lingua e a defensa das condicións de vida, do ambiente e dos postos de traballo están íntimamente unidas?
Porque xa ""La Junta" anunciou que vai autorizar industrias en espazos naturais protexidos, mini-centrais a esgalla nos ríos sobresaturados, construír a menos de cincocentos metros da costa, desatender a dotación dos servizos públicos en tanto que incrementará as subvencións e concesións aos privados, despedir persoal mantendo e colocando en troques aos amigos…
Liberdade para exterminar o idioma e a identidade, liberdade para destruír o país, liberdade para caciquear, liberdade para facer emigrar…
Non vos riades, que o conto é triste.