farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 

O ladrón de bicicletas

Alfonso Álvarez Cáccamo

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

A Alfonso Álvarez Rodríguez,
descoñecido ciclista

Lin a túa carta no FARO e desexo mandarche os meus ánimos desde estas páxinas. Eu teño 56 anos e supóñote catro veces máis novo ca min. A min tamén me roubaron unha bicicleta hai uns vinte anos e aínda soño con ela; era unha fermosa e lizgaira Peugeot de cor verde con dúas catalinas e un total de vinteún piñóns. Deixáraa dez minutos descoidada e, cando fun collela, non estaba. Iso sucedeu en Panxón. As miñas maldicións contra o ladrón deberon escoitarse en Monteferro. Pero de nada serviu berrar e facer a figa contra o maldito delincuente porque a miña amada bici xamais apareceu. Aínda agora sigo sigo botándolle un ollo a todas as que se asemellan a aquela marabillosa máquina que me mantiña nunha aceptabel forma física. Desde o día do roubo deixei de pedalear. Mercáraa de segunda man pola nada desprezabel cantidade de vintemil pesetas. Antes, desde os catorce anos en adiante tivera unha BH albiceleste de piñón fixo, durísima e moi pesada, irrompibel malia as probas ás que era sometida. Tiña nome; "A machota"; coido que este cariñoso alcume o expresa todo. Con ela fun inmensamente feliz. Cando xa tiña eu unha moto, regaleilla a un rapazolo de Coruxo que algunha vez volvín ver, todo feliz, cabalgando nela e saudándome con cariño.
Para ter eu 56 anos, non me roubaron tantas veces, e lémbroas todas: un reloxo nunha Biblioteca pública de Santiago; a miña carteira con toda a documentación na Catedral de Praga; unha cazadora e un bastón tallado coa cabeza de Bismarck na casa de Coruxo; gasolina durante dúas semanas (cortando o tubo e volvendo colocalo) na rúa Cangas de Coia-Vigo, até que os cachei en directo, pero como eran macarras e moitos, fíxenme intelixentemente o parvo e falei, posteriormente, cun deles que me tiña certo respecto polo que deixaron de facer de dráculas gasolineiros; faltáronme, tamén, bastantes libros e que eu lembre, para rematar coa relación dos roubos -e sen contar as gravosa hipotecas dos Bancos dos anos setenta, oitenta e noventa- unha radio do coche en Lisboa. Sufrín dúas tentativas de roubo en Mindelo (Cabo Verde) pero, imbécil ou pode que demasiado indignado, defendinme e non conseguiron atracarme. Hoxe non o faría, que leven o que queiran agás unha tallada da miña pel na punta dunha navalla. Ao longo da miña vida houbo algunhas xentes que tentaron roubarme a ilusión de vivir, pero tampouco o conseguiron.
Como ves, para ter cumprido eu catro veces catorce anos, non fun víctima de tantos roubos, dígoo en serio, pero o da bicicleta xamais o esquecín nin o esquecerei, por iso me solidarizo de corazón contigo. Para animarte, recoméndoche a novela O ladrón de bicicletas, cuxo autor agora mesmo non lembro. Sei que, baseándose nesta obra, se fixo unha extraordinaria película englobada dentro do que se chama o neorrealismo italiano. Eu non desexo que o ladrón da túa bicicleta se esnafre con ela porque non a recuperarías íntegra. Desexo que caia dela e se parta os piños, e dícir: os dentes, e así, a piñón roubado, piño crebado, e cando se vexa no espello, se ten algo de vergoña, cavilará en que non se debe roubar a ninguén, pero moito menos aos pobres, aos necesitados e aos ilusionados cos seus obxectos. Os que non gozaron nunca do pracer de pedalear probabelmente non entendan que as bicicletas son todas distintas e moi nobres compañeiras, algo así como se tivesen alma. Por favor, que algún bo ladrón lle roube ao mal ladrón e lle devolva a bicicleta a Alfonso Álvarez. Estoutro Alfonso Álvarez xa non ten esperanzas de recuperar a súa Peugeot verde, de paseo, e non vai mercar xamais outra.

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009