Os camiños da vida

Na morte de "El Turco"

X.L. Méndez Ferrín

 23:12  

Leo que faleceu Jorge Enrique Adoum, escritor da república de Ecuador. Morreu contento pola evolución da política na súa patria e na América Latina. Adoum era de familia árabe cristiá, como o Santiago Nasar de Crónica de una muerte anunciada. Por iso os seus amigos, nas lerias interminabeis da esquerda intelectual hispánica arredor do whisky, sempre lle chamaban "Turco" ou "Turquito". Parecíalle ben que eu, non especialmente do seu círculo, tamén lle chamase familiarmente así. Dame moita pena a morte de "El Turco". Fecho os ollos e véxoo en México, na homenaxe a León Felipe, facendo as delicias do Camilo José Cela co seu rosario interminábel de anécdotas. Ou en París. Ou en Venezuela, cando tiven ocasión de presentar Jorge Enrique Adoum ao ministro vigués, e poeta galego, alén de arquitecto e ideólogo do chavismo, Farruco Sesto Novás. Adoum era un conversador irrepetíbel; doce, acidulado. Contan as lendas domésticas do marxismo americano que Fidel Castro sempre lle pedía a Jorge Enrique Adoum que lle contase os chistes que sobre el circulaban polas rúas das ciudades cubanas. Supoño ao Comandante triste hoxe pola morte de Adoum.
O amigo defunto (nacido en 1925) formouse en Quito como irmán pequeño da grande xeración intelectual ecuatoriana que se articulou no fogar da Casa da Cultura. O psiquiatra Jorge Escudero Moscoso, o seu irmán o escritor Gonzalo. O filósofo e exiliado republicano español García Bacca. Osvaldo Guayasamín, indio revolucionario e brillante que innovou a pintura da América. A cabeza comunista e inquietadora de Elías Gallegos Anta. A certa distancia, o poeta maior Jorge Carrera Andrade. O "Turco" que regresou ao po era producto desta colectividade de intelectuais. Na súa biblioteca figuran poucos pro escolleitos libros galegos: Rosalía, Castelao.
Jorge Enrique Adoum escribiu un relato de título notábel. Entre Marx y una mujer desnuda. Foi un poeta máis da intelixencia ca da experiencia, moi fino. Nalgunhas revistas dos anos cincuenta e sesenta, coma El corno emplumado de México D.F., coincidiron colaboracións de Jorge Enrique e certos poetas galegos contemporáneos: Basilio Losada é ben responsábel. Neste tempo no que a lingua castelá se ennegrece e perde entidade, Adoum era un facho de luz e de riqueza. Sempre o recordarei en Maracaibo, cun grupo de mestras da nación indíxena guajira que nos ensinaban a súa revista. Adoum ollou para min e dixo, francamente emocionado: "Gustaríame ser mozo para aprender alguna lingua verdadeiramente americana. Jorge Enrique Adoum era dos que consideraban a revolución pacífica de Venezuela como un acontecemento inagardado e feliz que ía cambiar a América Latina. O seu elegante escepticismo e a súa mordacidade de superficie non ocultaban a forza da súa, da nosa esperanza.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya