Que boíños son estes do PP, que agora lle preguntan á xente o que prefire!
Estáche boa a navalla! Levan décadas gobernando e agora, por primeira vez, van consultar a unha parte dos cidadáns! Agora andan moi preocupados por daren urxentemente liberdade de opcións.
Pero non está mal, se cadra cambiaron de ideas e de maneiras e agora van consultar á xente sobre os asuntos importantes.
Claro que nas cuestións importantes débese andar con moito tino: a Administración debe escoitar a todos, pero cadaquén no seu ámbito. Por exemplo, a min gustaríame que aos cidadáns galegos nos preguntasen se queremos que todos o problemas de Odontoloxía sexan tratados gratuitamente pola Sanidade Pública. O que non me parecería lóxico é que nos consultasen sobre como organizar esa atención médica. Son os expertos os que teñen que decidir nese asunto.
E facer a consulta con garantías de control, dende o que se pregunta á avaliación dos resultados.
É evidente que as cousas non van por aí. Se alguén pensa que o PP vai consultarlles aos habitantes do Morrazo (hoxe excluídos da Sanidade Pública non sendo na Atención Primaria) se queren seguir obrigados a unha clínica privada, que recibe substanciosos beneficios, ou prefiren ser atendidos no sistema público, pode esperar sentadiño.
Consultan o que eles queren, a quen eles queren, como eles queren e para o que eles queren.
Consultan o que eles queren: por qué a Xunta do PP non consulta importantísimas cuestións do ensino, como se os pais prefiren que o diñeiro público sirva para subvencionar o ensino privado ou para estender e afianzar o ensino público?
Consultan a quen eles queren: nun tema como a lingua vehicular no ensino non se pode consultar só a un sector. E os profesores? E os alumnos a partir dunha determinada idade? E os especialistas? Son maiormente estes, os expertos en educación, os que deben facer as propostas.
Consultan como eles queren: a enquisa do PP sobre o galego redactárona eles ao seu gusto, con graves erros e desorientación, sen información nin debate previo sobre un tema crucial. Seica non existe un Consello Escolar de Galiza que debería ser consultado e controlar a pureza dunha consulta pretendidamente democrática?
Consultan para o que eles queren: non fai falta ser malpensado, a prensa recolleu así as palabras do propio conselleiro ao presentar a enquisa "Hoy se inicia el proceso de derogación del decreto". Máis claro, a auga.
Porque do que se trata é de utilizar aos pais como coartada dunha manobra política moi grave: asestar un golpe mortal á lingua galega no sistema escolar.
Trátase dunha peza máis da estratexia dos extremistas que agora nos gobernan para borrar do mundo a nosa lingua. Hai un par de semanas acordaron suprimir a única proba en galego que debían pasar as persoas que optan a ser funcionarios públicos neste país. Para isto a Xunta do PP non fixo enquisa ningunha aos cidadáns preguntándolles se os funcionarios públicos deben atender na lingua que lles falen nin lles preguntan aos cidadáns cal é a lingua na que aprenderon a falar.
Porque, daquela, podería non resultarlles tan fácil dispoñer libremente dos postos da Administración Galega para meter os amigos "paracaidistas" traídos de fóra.