farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
Campo de Granada

Aposto pola canteira

Manuel Bragado

 20:04  
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

No Celta noso volve a polémica sobre o valor canteira. Despois de ter evitado o precipicio do descenso –grazas ao milagreiro partido de Iago Aspas, un rapaz do Celta B–, os directivos e os responsables deportivos celestes prometen, inchando o peito, que para a tempada que ven, por fin, o Celta vai apostar pola canteira. A verdade é que tras o moito que sufrimos os celtistas nos dous últimos anos, vendo caer no abismo da miseria futbolística ao mesmo equipo que superou a primeira fase da Champions League, merecemos que estas novas promesas de facer un Celta máis galego e máis implicado cos afeccionados e co seu entorno social non sexan cantos de serea que pretendan aparvarnos durante os meses da renovación dos abonos.
A polémica da aposta pola canteira ven de moi vello. En realidade esta é unha cuestión de fe que divide dende hai cincuenta anos (cando o Celta fichou a aquel Jaburú, un dos seus primeiros xogadores de color) aos seareiros nas bancada de Balaídos en dúas metades irreconciables, a dos celtistas soñadores, que contra vento e marea defenden a canteira coma quen di Patria, ou Nai, ou algo semellante, e a dos celtistas prágmáticos, aos que isto pouco lles chista e, deixándose de andrómenas, desexan ver ao seu equipo gañando e xogando o mellor posible. A primeira é a dos celtistas que se emocionan recitando no vitrasa algunhas das aliñacións daquel Celta "galego" que ascendeu a primeira división en 1968: Rey Tapias, Herminio, Canario, Viñas, Manolo, Villar; Lezcano, Ribera, Lito, Costoya e Suco. A segunda é a dos celtistas que recordan con saudade a extraordinaria nómina de internacionais do Celta europeo de Horacio. Dúas formas de entender o celtismo que nas últimas tempadas confrontáronse simbolicamente nun debate de posicións irreconcialiables sobre a continuidade do adestrador Fernando Vázquez.
Eu dende moi noviño fun educado sentimentalmente na primeira e son, polo tanto, deses repugnantes que en principio non aturaría que se fichasen xogadores ou adestradores de fóra, que pouco ou nada poden achegarnos, aínda que non tería nada en contra en asumir como enriquecedoras as incorporacións no equipo noso de figuras da talla dun Ademir, dun Mazinho, dun Mostovoi, dun Karpin, dun Canobbio... Como non se debe ser fanático en case nada, sempre crin que o mellor modelo (futbolístico e empresarial) para o Celta sería chegar a combinar unha base da canteira galega con eses toques de calidade carioca que nos fixesen soñar. Razón pola que son deses celtistas que, durante este mandato do presidente Mouriño, vivimos decepcionados, primeiro coa inxusta destitución de Fernando Vázquez, e logo coas múltiples fichaxes e cesións mercenarias de Ramón Martínez (un personaxe nefasto para o Celta, que afortunadamente xa nos abandonou) de xogadores e adestradores en prácticas, que nin entendían as características e dificultades propias da Segunda División nin respectaban a cultura futbolística dunha cidade e dun equipo con oitenta anos de historia.
Mais este debate sobre o peso da canteira na formación dun equipo non se dá só en Vigo. Hoxe, neste mundo do fútbol globalizado, a aposta pola canteira (que non é outra cousa que pola formación de xogadores), constitúe unha declaración de principios doutra forma de entender o deporte profesional. Fronte a obscenidade moral que en tempos de crise económica e desemprego de catro millóns de persoas supoñen as fichaxes multimillonarias de Florentino (non esquezamos que co pagado por Kaká, Cristiano Ronaldo e Villa, o presidente Núñez Feijóo contaría con máis da metade dos catrocentos millóns de euros necesarios para construír o novo hospital de Valadares), existe afortunadamente o modelo alternativo utilizado por aqueloutros equipos (Barcelona, Sevilla, Villareal, Bilbao…) que van incorporando ao primeiro equipo algúns dos rapaces que foron formando nas categorías inferiores. O tremendo éxito deportivo de Pep Guardiola no Barcelona, en boa parte alicerzado neste modelo de canteira formativa, demostra que hai outros vieiros posibles neste deporte (como noutros eidos da sociedade) que van moito máis alá que os do mercado disparatado de fichaxes millonarias, onde nunca se sabe de ónde saen e onde quedan esas enormes cantidades de diñeiro.
Concluído o proceso da reconversión concursal, que obriga ao maior rigor e transparencia na xestión económica, o noso Celta ten unha oportunidade única para adoptar este modelo baseado na austeridade e na esperanza paciente. A actual nómina de oito xogadores da canteira xa no primeiro equipo e a magnífica clasificación, tanto do Celta B como do equipo xuvenil, amosan que existen vimbios para ensaiar este modelo con éxito. Aí pode estar as razóns que buscan eses celtistas que devecen por volver a Balaídos.
bretemas@gmail.com

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
91%
No 9%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009