|
|
|
HEMEROTECA » |
|
Non o dubiden: o obxectivo primeiro que o Goberno Galego pretende acadar nos seus cen primeiros días de mandato é dar un contundente golpe de efecto que amose a vontade da dirección do Partido Popular de Galicia de frear as políticas de fomento do galego. Esta nova política lingüística do Goberno Feijóo sería o modelo que a dirección nacional do Partido Popular utilizaría para poñer na picota a lexitimidade das políticas de normalización lingüística do catalán, éuscaro e galego, que serían identificadas como propias de ideoloxías nacionalistas (cualificadas sempre polos membros do Partido Popular como “excluíntes”). Este é o guión dunha estratexia política, auspiciada pola Fundación FAES de Aznar, amparada polos intelectuais revisionistas do manifesto de “la lengua común”, e reiterada polos poderes da dereita mediática madrileña empregando a escala de insultos e descualificacións ás que nos teñen afeitos.
Foi Corina Porro quen abriu esta estratexia cando de forma persoal comprometeu o futuro da súa carreira política á derrogación do decreto de fomento do galego do ensino. Unha medida, atá entón, só promovida por Galicia Bilingüe, unha pequena asociación de profesores galegófobos, que dende ese momento viu o ceo aberto para acadar as súas pretensións de facer recuar a utilización do galego como lingua vehicular do alumnado non universitario. Unha estratexia, máis tarde, asumida polo daquela candidato Alberto Núñez Feijóo, e recollida no programa do PPdeG, que de facto supoñía a ruptura do consenso político e social acadado no ano 2004 arredor do Plan Xeral de Normalización Lingüística da Lingua Galega, elaborado por un amplo equipo técnico, a instancias de Xesús Pablo González Moreiras, aquel dignísimo director xeral de política lingüística do derradeiro dos gobernos de Manuel Fraga. Daquel desvencellamento de Alberto Núñez Feijóo das políticas consensuadas de fomento do galego no ensino do goberno do que foi vicepresidente nace a perigosa fractura social existente hoxe arredor do futuro do galego e do seu uso público.
Tras os primeiros esvaróns do presidente sobre as súas intencións en política lingüística, –non esquezamos que nos primeiros días de mandato chegou a comprometer o envío dunha circular da Inspección Educativa aos centros coa intención de “restaurar os dereitos civís nas aulas” e permitir ao alumnado que elixise a lingua na realización dos exames de xuño (declaracións a Jiménez Losantos), moitos fomos os que crimos que o PPdeG recuperara a sensatez e o sentido de civilidade cando, coincidindo coa declaración “Unha lingua para todos” realizada pola Real Academia Galega, foi nomeado como Secretario Xeral de Política Lingüística Anxo Lorenzo, un especialista de prestixio internacional no ámbito da planificación lingüística e profesor da Universidade de Vigo. Magoadamente equivocámonos de cheo os que criamos que Feijóo con este nomeamento apostaba pola recuperación do consenso arredor do Plan Xeral de Normalización de 2004, aprobado por unanimidade polo Parlamento de Galicia, e polo compromiso de arredar a lingua galega da controversia partidaria, dúas das condicións básicas que a Academia Galega establecía hai apenas un mes para acadar un acordo social integrador, a prol do uso, a dignidade e a continuidade do idioma.
Dende entón, cada semana o Goberno de Feijóo, sen abandonar en ningún momento o argumentario da campaña electoral, baseado na “liberdade de elección lingüística”, emprende iniciativas encamiñadas dunha ou doutra maneira a procurar a rebaixa do emprego do uso público do galego. Algo insólito na historia de calquera país, a dun goberno que non apoia o futuro da súa “lingua propia” (así está definida no noso Estatuto). A máis recente iniciativa do Conselleiro de Educación, figura que orgullosamente encabeza esta operación de acoso (algúns medios galegos xa a denominan tamén de “doma e castración”), de promover unha consulta ás familias sobre as súas preferencias sobre os usos lingüísticos nas aulas non ven máis que a engadir máis leña a un conflito social de grande envergadura sobre o que agoiramos unha difícil saída. Máis alá de remoer na ferida do esgazamento lingüístico e da deslexitimación do profesorado (que para o PPdeG non ten nada que dicir neste lea), dificilmente esta consulta (sen garantías de confidencialidade nin de fiabilidade ningunhas na recollida e no procesamento dos seus resultados) vai axudar a recuperar o consenso sobre cál debe ser o modelo de plurilingüismo que se utilice nas nosas aulas durante a vindeira década. Temo que a intencionalidade real da consulta sexa procurar a verificación da profecía cumprida: “o galego recúa nas aulas por que as familias non o queren”. Sen dúbida, nesta ocasión a dirección do PP e a dereita mediática madrileña aplaudirán a Jesús Vázquez e Alberto Núñez Feijóo.
bretemas@gmail.com
|
|
| LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES | ||
LO ÚLTIMO |
LO MÁS LEÍDO |
LO MÁS VOTADO |
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||