Xerado pola pretensión do Alcalde de instalala no edificio da Escola de Artes e Oficios, o conflito sobre a ubicación da Biblioteca do Estado é outro capítulo máis nesa infame historia bibliotecaria viguesa que, arrastrada ao longo das tres últimas décadas, sitúa á nosa cidade como o exemplo máis acaído en España do que se entende por “carencia bibliotecaria”.

O primeiro que chama a atención sobre esta futura Biblioteca do Estado é a improvisación dos nosos responsables municipais para ofrecer a Ministerio de Cultura un espazo onde ubicala. Dende que César Antonio Molina asumira a súa construción nesta lexislatura -un compromiso con Vigo que chegaba tarde, moi tarde, cando estaba a piques de inaugurarse a de Santiago de Compostela-, o alcalde Caballero, que neste tema pretendeu levar todas as medallas, mudou de cantarela en varias ocasións. Primeiro ofreceu un solar da praza do Rei, situado entre a Xerencia de Urbanismo e a Casa do Concello, que foi ben valorado polos técnicos do ministerio e que, logo no pasado mes de xaneiro, foi desaconsellado polo arquitecto Moneo nos seus planos de arranxo dos espazos do noso Campo de Granada (dos que, dende hai meses, nada coñece a cidadanía). Máis tarde, Caballero non desbotou as posibilidades da propia Panificadora (como reclama a plataforma cívica Outro Vigo é Posible), do antigo edificio de Cluny (propiedade de Valery Karpin) ou do formidable edificio municipal da rúa Areal (hoxe infrautilizado). Porén, esta indefinición rematou co anuncio solemne do alcalde de que a biblioteca sería ubicada no edificio da Escola de Artes e Oficios, construído polo arquitecto Pacewicz, e doado a cidade en 1904 por José García Barbón. Unha alternativa chea de problemas que non parece nin moito menos a máis axeitada.

Por se isto non abondase, o recentemente aprobado Plan Xeral de Ordenación Municipal non considerou como problema a ubicación desta dotación socio-cultural, a primeira e máis importante para calquera comunidade local (non esquezamos que deste xeito son concibidas en todo o mundo as bibliotecas públicas). Para os nosos responsables municipais a construción dunha gran biblioteca pública semella unha cuestión menor que non merece ser considerada no planeamento da malla urbana. Magnífico! Porén, entende alguén que en ningunha das grandes actuacións urbanísticas previstas no PXOM vigués, como, por exemplo, a da praza de España ou as de Beiramar, non houbese posibilidade de contar cun espazo para construír unha biblioteca do estado semellante á coruñesa do barrio de Elviña (un edificio notable, utilizado por milleiros de persoas)?

Incrible tamén é que se propoña baleirar completamente (como se fose algo absolutamente normal) o edificio da Escola de Artes e Oficios para construír alí a Biblioteca do Estado, desprazando por decreto para unha ubicación descoñecida a 1.200 alumnos e medio centenar de traballadores (entre profesorado e outro persoal da actual Escola de Artes e Oficios). Máis escandaloso cando os responsables municipais deixaron durante décadas estragar os fondos da biblioteca e da hemeroteca de tan centenaria institución (pechada, outra vez, despois dunha fugaz reapertura), creada coa intención de contribuír “á ensinanza técnica do obreiro e da muller”. O que propón o alcalde, espir a un santo para vestir outro, non é solución ningunha, menos aínda cando isto afectará á integridade dun edificio protexido (habería que agardar o que poida determinar Patrimonio), como mesmo podería ser cuestionada polos descendentes de García Barbón se considerasen que este cambio de uso estivese vulnerando o espírito do legado do benfeitor verinés.

Ademais destas dúas cuestións moi problemáticas, a ubicación da Biblioteca do Estado no espazo central da cidade, onde xa funciona a Biblioteca Pública de Vigo (no corazón do Casco Vello), non resulta imprescindible. O carácter policéntrico de Vigo obriga a que dotacións socioculturais desta importancia deban ser distribuídas por toda a rede urbana. Empregando este criterio os responsables municipais, no marco do prometido Plan Municipal de Bibliotecas e das previsións dotacionais do PXOM, deberían ampliar o abano de posibilidades de ubicación da Biblioteca esculcando nas zonas de Fragoso (Coia-Travesas), do Couto, do Calvario ou do novo Guixar. Máis o mesmo sucede coa ubicación das escolas infantís públicas, dos novos centros escolares de infantil e primaria na cidade de Navia, dos centros de día para maiores, do futuro da “Gota de leche” ou das piscinas municipais. A improvisación sobre a ubicación da Biblioteca do Estado non ven ser máis que un exemplo das carencias da política municipal sobre equipamentos sociocomunitarios. Por aí habería que comezar.