Certamente, o autor destas crónicas semanais non ten o gusto -algúns han de retrucar decontado, tal e como están as cousas, aqueloutro de “diga Vde., máis ben, o disgusto!”; en todo caso permitan que lles recorde o adaxio clásico: In dubio pro reo- de tratar persoalmente a Dna. Ángeles González-Sinde, nova ministra de Cultura. Do mesmo xeito, recoñezo non ter visto nin o que se vén considerando como o seu maior éxito profesional, a dirección de “La suerte dormida” (Goya 2003), nin aínda esoutra recente aportación súa -esta como guionista-, “Mentiras y gordas”, en cartel, pola que está a ser xulgada e condenada aos infernos por parte dos seus decididos detractores. En todo caso, guionista vén ser tamén, a Sra. González-Sinde, de labores como “Cuéntame”, “La vida que te espera” ou “Una palabra tuya”. Claro que… que máis ten? Sabido é que o cinema español -todo el (¡?)- é pura “caca de la vaca” e que os espectadores foxen dun filme patrio como da peste; sen dúbida, porque teñen unha présa tola en acudir, poñamos por caso, a agasallos intelectuais do tipo “Dragonball Ecolution” ou “Fast and Furious” aos que San John Huston, San Francis Ford Coppola, San Martin Scorsese, San Steven Spielberg, San Billy Wilder… lles perdoen os seus pecados, amén.

Mais, evidentemente, non se trata aquí e agora de entrarmos nin nas condicións/falta delas de Dna. Ángeles como directora, guionista e/ou ministra -xa se verá do que é/non é capaz- nin, desde logo, nesoutra polémica arredor dos males diversos que, seica, aqueixan arreo o cinema español. Ben polo contrario, algo si quixera apuntar este modesto cronista arredor desoutra temática que está a desatar as iras de certos comentaristas, analistas -algún deles, ai!, veciño e/ou compañeiro de páxina- e aínda dunha parte do público, en xeral. Estoume a referir, desde logo, á lea montada polo feito de ser a nova ministra declarada defensora do canon dixital e, xa que logo, partidaria de perseguir, coa lei na man, toda sorte de ilegalidades reprográficas e cibernéticas que se están a cometer en España, arquipiélagos e demais adxuntos.

De veras que vivimos nun país onde moran uns ben curiosos conservadores, liberais -e mesmo liberal-conservadores- e aínda esoutros autoproclamados “defensores da cultura popular”. Porque acudamos, sequera, a un par de exemplos. Se unha empresa determinada chega a patentar, poñamos por caso, un modelo de televisor, un motor de automóbil, un produto farmacéutico, fórmula de deterxente, novo sistema GPS… unha nova fibra, unha nova fórmula para as telecomunicacións, deseño de roupa… cabe pensar que calquera entendería que se preocupase, e moi moito, a tal(es) empresa(s) porque ninguén imite, copie polas boas, piratee… co lucro que iso significa, a súa aportación. O qué máis: consideraríase perfectamente legal, xusto… que os propietarios, dirixentes desas entidades buscasen que a lei os amparase nos seus dereitos e que, xa que logo, fosen perseguidos e condenados xudicialmente aqueles que levasen a cabo o que non é máis que un puro e duro delito.

Verdade é que habitamos un territorio con tendencias anarcoides -que non anarquistas- e que é capaz de mirar para o outro lado cando ten á beira un caso como o que vimos de describir. Non obstante, imaxinan Vdes. que se permitise, como calquera cousa, que ás portas dun comercio de electrodomésticos, de informática… dunha tenda de roupa se estivesen a vender copias ilegais daqueles produtos que dito(s) comercio(s) ofrece(n). De veras: quen, desde as páxinas dun xornal e/ou revista e/ou mesmo desde un blog, chat… defendería semellante feito? Nin sequera os máis decididos anti-sistema se atreven, ousan a tanto!

Pois ben; velaí que, polo visto, os produtos da industria cultural -e subliñemos “industria”, porque sen ela sería absolutamente imposible a difusión da propia cultura- non forman parte do “paquete”; isto é, han de ser considerados nunha especie de nube de gas, de limbo dos xustos da gratuidade. E é que, velaí, señoras e señores, a nai do año: a cultura -que non outra cousa-, se quere ser popular, ha de devir absolutamente gratuíta: algo que, de seu, pode parecer moi ben, pero que, en tradución hispánica, significa que pode resultar “pirateada”, “trampeada”, “atropelada”… Que os autores non cobran? Que desa maneira resulta imposible que haxa músicos, escritores… profesionais? E que máis ten! Sabido é que, en España, nunca houbo un autor merecente de tal nome se non morreu antes de fame!

No afán por enredalo todo, por atinxir a epifanía da demogaxia, acoden algúns a dous apartados: estase a converter, seica, en delincuente a calquera persoa que leve adiante unha descarga privada en Internet e, doutra parte, que vai ser dos coitados “negritos” cuxo único medio de vida consiste na venda de material ilegal?

Felizmente para a verdade dos feitos -e para o descreto da mentira-, a Lei da Propiedade Intelectual autoriza plenamente as copias privadas, non hai problema por aí. Canto aos “morenos”, a pregunta é: e aqueles que se ocultan detrás deles, que? Tampouco teñen outro medio de vida? Cultura popular? Cultura de populacho: esa é a senrazón que sosteñen.