Viña do fondo dos espellos rotos da miña cidade natal. Ourense era o negror e o seu contrario que impelía Eloi sempre avante. Nunha reunión (dicía Reboiras: “xunta”) do cumio central da UPG, e un aparte para petiscar tortilla, díxome Muñiz que había alguén en Ourense que quería facer unha película sobre a noveliña que eu titulara Retorno a Tagen Ata e que X.M. Álvarez Blázquez publicara na Castrelos de Pi i Margall (fronte á igrexa da Asemblea de Irmáns), Vigo verdadeiro. Chocoume porque o relato ía contra Ulm Roan, cuxa derradeira encarnación é Francisco Rodríguez, e que ao tempo se facía chamar Ramón Piñeiro. Predecía tal noveleta a autonomía e a súa función de opera bufa, simulacro e representación para aproveitados. Entrevisteime con Eloi Lozano, coido que no Espolón ourensán da Praza Maior, tan memorado por Otero Pedrayo no seus textos canónicos, nos seus textos dispersos e esquencidos. Paseo arriba, paseo abaixo do Espolón, entre a escalinata de Santa María a Madre e a libraría de Álvarez, expliqueille ao incipiente director como entendía eu que unha novela debía ser levada ao cine.

Ou sexa: de ningunha maneira. A literatura é a literatura e o cine é o cine. Se Eloi quería pór Retorno a Tagen Ata en cine tiña que ser él, non eu, o autor. Podía aproveitar da miña obra o que quixese. Pro a responsabilidade era del. Podía facer sobre a miña noveliña unha película mellor ca o pretexto; de igual mérito ou notoriamente inferior. Eu non quería intervir. Eloi Lozano fixo no seu Retorno a Tagen Ata o que quixo, o eu sentinme moi satisfeito. Decididamente o que eu non vira no meu relato, porque estaba tan oculto que nin podía aparecer diante dos meus ollos de autor consciente, estaba alí, na película. Elidiu o que lle pareceu e acentuou o que considerou oportuno. O resultado foi, para min, sorprendente Acordeime moito das películas norteamericanas sobre novelas de Steinbeck e de Faulkner que ben pouco tiñan que ver cos libros pretendidamente orixinais. Outro caso é o do meu vello amigo Mario Camus, quen, cando pasa ao cine unha novela que lle gusta, é fiel a ela coma o can de palleiro é fiel ao amo.

Pasados moitos anos, Eloi Lozano pediume uns poemas para ilustrar uns debuxos de Francisco Leiro. Veu a Vilanova dos Infantes e entrevistámonos na miña casa, para despois tormarmos uns cafeses en Via Veneto, ou sexa no Café da Praza de Celanova. Falamos longo sobre a relación entre a literatura e as artes plásticas. Ficamos dacordo. Eu dinlle uns poemiñas e Leiro aportuou os seus valiosos debuxos á marxe da formidabel obra escultórica que sempre nos abraia. O resultado foi un libro que o mesmo Eloi Lozano, non eu nin Leiro, titulou Erótica. Título unha migalla redundante, pois a sustancia irónica das poesías e dos debuxos era de natureza carnavalesca no sentido que o soviético Bahtín daba ao adxectivo. Descoñezo se Erótica conseguiu moita ou pouca difusión. O que si que sei é que a película Retorno a Tagen Ata non tivo ocasión de ser demasiado visionada, neste último caso polo caracter político que nidiamente se transfere do texto literario meu ao cine da autoría de Eloi.

Morreu, leo na prensa, Eloi Lozano. Para min foi un visionario e un adiantado do cine galego. As súas outras películas son ambiciosas, posúen acuidade interventiva e demostran un pesado e amabilísimo talento. Doime moito a morte de Eloi Lozano, que se foi do mundo á idade de 56 anos e 38 despois de rematar a montaxe de película cuxo argumento me pediu emprestado. Certo, certo que Abril pode ser así de cru.