SEGUNDA FEIRA

Panxón como pretexto

X. L. Méndez Ferrín

 

Na parroquia de Panxón (concello de Nigrán, vella Terra de Turonio na que se inclúe Vigo) subsisten os restos dunha construcción que habitualmente din ser de estilo “visigótico”. Os vestixios redúcense a unha parede e a un arco de ferradura. Tradicionalmente os rapaces de Panxón viñan usando tal arco como portaría para xogar ao fubol. Estes días o Instituto de Estudos Miñoranos está a reclamar que se adecente o entorno da ruína, ao parecer moi deteriorado. Non podo eu deixar de cadrar conforme coa demanda do IEM. Pro penso que a denominación “estilo visigótico” debería ser revisada nos estudos arqueolóxicos de Galicia.

Na realidade, e coido que seguindo Gómez Moreno, considéranse “visigóticas” as construccións anteriores ao ano 711. E así se fai, por exemplo, coas igrexas de Santa Comba dita do Baño ou de Bande e a de San Fructuoso de Montelios, onda Dume (Braga).

Non existe documentación que precise os anos en que estes templos foron construídos e consagrados. Certamente antes da invasión árabe do 711 Galicia achábase dominada polo reino visigodo. Pro non é menos certo que Galicia foi un reino soberano e independente, por obra dos suevos, desde o ano 412 (Hermerico, o fundador) ao 585 no que o visigodo Leovixildo ocupou Galicia e a anexionou pola forza das armas e robou o tesouro real dos suevos.

Por parte, o reino independente de Galicia floriu e foi poderoso aliado dos bizantinos e dos francos entre os anos 559 e 583, baixo os reinados de Teodomiro e Miro. Nesta época a cultura era alta e a personaxe dominante, San Martiño Dumiense, dedicouse a organizar a igrexa (naquel intre católica) en Galicia, fundando freguesías e delimitando dioceses. Todo parece indicar que nos días de Martiño de Dume, pois, a actividade arquitectónica sagrada sería grande e que os chamados templos “visigóticos” que antes citamos, e mesmo o arco de Panxón, seguramente se ergueron en época sueva. É ben curioso observar que unha das máis importantes igrexas “visigóticas” de Hispania, moi ben conservada, se encontre precisamente en Braga, capital e cidade hexemónica do reino suevo de Galicia, e no lugar de Dume ou Dumio no que residía o bispo, ideólogo e “mordomo de palacio” dos reis suevos: San Martiño. Estamos a falar do edificio de San Fructuoso ou Froitoso de Montelios que puido non ser orixinalmente unha igrexa senón unha aula ou pazo real suevo reutilizado posteriormente. Eu digo que deberiamos recompoñer a nomenclatura da arqueoloxía medieval galega anterior ao románico e, por exemplo, deixar de lle chamar “visigótico” ao arco de Panxón, a Montelios, a Santa Comba e a outros monumentos. Chamémoslles de momento prerrománicos, por cautela, e non nos equivocaremos nin seremos presa máis do grande relato da Historia de España contada sen ter en conta a existencia do reino de Galicia.

E xa postos á ceifa, digamos que nos custa chamarlle “mozárabe” ao edículo de Celanova dedicado a Froila Gutérrez xa que os mozárabes que éste e o seu irmán San Rosendo tiñan máis perto eran os da Almedina de Coimbra que seu avó Hermenexildo contactara. En canto aos calados de pedra do tipo de Francelos que os arqueólogos denominan de estilo “asturiano” diremos que a etiqueta de Gómez Moreno é evidentemente abusiva e está pedindo a berros ser reconsiderada.

Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009