campo de granada

Aconfesionalidade

Manuel Bragado

 

Nestes días feriados tiven a oportunidade de visitar varias cidades das comunidades de Castela-León e Asturias e presenciar algúns dos seus moi concorridos desfiles procesionais de Semana Santa. En todos eles, comprobei que nestes actos relixiosos participaban numerosos funcionarios públicos, fosen membros da Garda Civil, da Policía Nacional, das Policías Locais ou dalgúns dos exércitos, que uniformados acompañaban marcialmente o desfile de imaxes e nazarenos. Tamén, á saída e á recollida de cada un destes pasos nas súas igrexas, a interpretación do himno nacional español constituía un dos momentos máis agardados en todos os desfiles. Nada que non coñecésemos dende hai décadas, prácticas que sabemos xeralizadas noutras comunidades onde están moi arraizados estes desfiles (abonda premer calquera canle das televisións autonómicas, onde estás manifestacións teñen unha ampla presenza na súa programación) e mesmo na nosa propia cidade, a pesar da súa menor tradición neste tipo de manifestacións relixiosas.

Sen entrar en ningún tipo de valoracións sobre o sentido destes actos relixiosos, paréceme fóra de lugar que, despois de trinta anos da aprobación do texto constitucional (que recoñece o carácter aconfesional do estado), en moitos deles se continúen realizando prácticas rituais propias do nacional-catolicismo (o modelo relixioso imposto pola ditadura franquista e avalado pola Igrexa Católica), onde os límites entre o civil e o relixioso (católico) quedan absolutamente imprecisos. Insisto en que non é a miña intención abrir un debate sobre o sentido destas procesións que, como calquera outras prácticas confesionais, están amparadas nos principios constitucionais da liberdade relixiosa. A miña desconformidade (que sei compartida por milleiros de persoas) aparece cando nestes desfiles participan servidores públicos, membros do exército ou da policía a nivel estritamente institucional e coas súas uniformidades de gala. Se estes membros dos corpos de seguridade non desfilan a nivel persoal nin para desenvolver as funcións que lle son propias (as da defensa do exercicio dos dereitos da cidadanía), como entón xustificar politicamente a súa presenza? Outrosí sucede coa utilización nestas cerimonias dos símbolos constitucionais con finalidade relixiosa, unha práctica claramente abusiva que a Igrexa Católica por respecto ao resto da cidadanía non católica debería prudentemente evitar.

Mais non nos enganemos, nesta cuestión, como en tantas outras relacionadas cos privilexios que continúa mantendo a Igrexa Católica dende a aprobación do Concordato (anterior á aprobación da propia Constitución) –dende o seu financiamento (a cargo de todos, incluídos os non católicos), pasando polo mantemento do patrimonio histórico, até o papel que se lle continúa concedendo na educación privada concertada–, o problema radica na febleza das diversas administracións e gobernos (dende o central ao do máis pequeno dos concellos) e nos seus medos a romper as “tradicións” e os “protocolos” que se veñen mantendo dende outrora en relación con ela. Non existe, aínda, unha cultura da aconfesionalidade, un protocolo alternativo que regule as relacións dos representantes e servidores do poder civil en relación coa pluralidade das crenzas relixiosas, especialmente coa Católica, como a de maior presenza na nosa sociedade. Pola contra, magoadamente, neste eido das relacións dos poderes civís coa Igrexa Católica non houbo nin ruptura nin transición coas prácticas doutrora, sendo o continuismo o que tinguiu e consolidou prácticas preconstitucionais.

Só así, podemos entender as dificultades e retrasos para poñer en práctica o establecido na Lei de memoria histórica, aprobada na pasada lexislatura, que non acaba de chegar aos muros de tantas das nosas igrexas (incluídas algunhas das viguesas) onde vergonzosamente aínda se poden ler as inscricións dos “caídos por Dios y por España”. Só así podemos entender que se repitan ano a ano cerimonias relixiosas como a “Ofrenda ao Apóstolo”, na que o poder civil se axeonlla vergonzosamente diante da xerarquía eclesíástica, ou a presenza de corporativos á fronte de procesións (como ven sucedendo na viguesa do Cristo da Vitoria). Semella que en relación coa Igrexa Católica, os responsables das administracións civís, que é o mesmo que dicir que as persoas escollidas pola nosa soberanía popular, precisan de maiores dotes de patriotisimo constitucional (recollendo o termo de Habermas). E iso, no noso caso, apenas supoñería introducir na sociedade unhas pequenas doses de respectuoso laicismo, o que, sen dúbida, debería ser ben recibido por unha sociedade cada vez máis plural e diversa (mesmo no eido das crenzas relixiosas).

bretemas@gmail.com

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya