EN DIRECTO
Sigue en vivo la segunda etapa de la Vuelta: Nimes - Gruissan (203 km)
os camiños da vida

Un tempo novo empeza

X.L. Méndez Ferrín

 12:54  

Guilhem de Peiteus ou Guillerme de Aquitania, tan ben posto en galego por Darío Xohán Cabana, fala da Primavera coma Temps Novel, “tempo novo”. Disque as lampreas perden valor coa chegada da Primavera, e “cúcanse”. A relación entre o deterioro da lamprea e o cantar do cuco é unha crenza moi arraízada aínda que desmentida en Noia onde preparan moi ben este ciclóstomo con herbillas ou chícharos novos. En todo caso direi que comemos unha notabilísima lamprea en Casa José, de Valga, e ao día seguinte sentimos o cuco cucar na Serra do Galiñeiro, polas partes de Vilas (Gondomar). Este cuco tiña a voz un chisco rouca, coma crebada. Felizmente, e no día seguinte, ouvimos o cuco á tardiña noutra caidanca da mesma serra, freguesía de Zamáns (Vigo). Este segundo cuco cantaba límpido e claro, e repetía a cucada un mundo de veces. “Cuco do Minho,/ cuco da Beira,/ quantos anos me dás de solteira?” – reza o dito das meniñas portuguesas. O cuco de Vilas prognosticaría un casamento inminente pro o de Zamáns convertía a mociña nunha moza vella. “Cuco rei,/ cántos anos vivirei?” – é outra pregunta que fai do cuco un oráculo. Se eu lles fixese caso aos cucos do Galiñeiro, un me faría centenario e o outro acababa comigo en pouco tempo.

A sensación do Temps Novel invádenos cando vemos florir o estirpeiro ou estripo ou escambrón ou cambroeiro, que o citado duque Guilhem chama na súa lingua “albespí” ou sexa “espiño albar”. A perda, a dor do tempo que pasa, a xeada que cai sobre a flor do estirpeiro, están no poema de Guilhem de Peiteus. Tamén a voz do cuco pode ser causa de pena porque cada cucada mide o tempo que nos achega á morte e nos separa da mocedade. Non todo é gozo e renacemento no Temps Novel. En calquera caso, os estripos do Galiñeiro están florindo e seguirán florindo nos días en que nós xa non teñamos ollos. Abril, dixo o poeta, é o mes máis cru. Mesmo algún Abril pode ser máis cru ca outro.

Declina a lamprea, pois, e corre polo meu río a leda noticia, que non todo é mau vivir o tránsito do tempo: chegou a sabela, ou sable ou zamborca ou alosa. Este peixe de medio metro ou así está xa no Miño e supoño que tamén no Ulla. Din que antano a sabela chegaba a Ourense e aínda collía vía nos Peares polo Sil arriba e polo Búbal. Hoxe os encoros coutan a remontada do poderoso peixe. Así como a lamprea goza de prestixio gastronómico, o sable é moi desprezado. Éo até o punto de que está ausente das cartas dos máis dos restaurantes e casas de comida da beira dereita do Miño. Na esquerda, áchase actualmente algo máis valorado. Este cronista garda moi boa memoria dunha sabela en escabeche gulapeada na de Aristeu (Goián) en imborrábel compaña de Xavier Pousa e Eliseo Alonso. Ao lembrar estes amigos mortos a sensación de perda recomponse e Abril volve ser o mes máis cru de T.S. Eliot: escuridade (“Oh, dark, dark, dark”). E nese plan. Disque o sable é un peixe moi espiñento, como pode selo Abril. Por iso lle vai ben a súa preparación en escabeche, aínda que en Valença témolo comido ben fritido en toros. Fálanme de que tamén se prepara en tiras e con arroz. Xa veremos a ver.

Pode haber outro Abril, pro este está só en Cunqueiro.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009