Sen política portuguesa

 

X. L. MÉNDEZ FERRÍN A inexistencia dunha política exterior é unha das características da Xunta de Galicia que presidiu Touriño. Moi especialmente notouse a faltar unha política para Portugal. Con Fraga Iribarne a Xunta tivo unha política cubana e unha política portuguesa, secundada por Fidel Castro e por Mario Soares respectivamente. Mais toda a administración Touriño viviu de costas a Portugal, sen que Quintana ousase corrixirlle nesta materia a plana ao presidente. As conversas sobre o AVE foron vistas polo pobo como frías e insinceras. Nada semellante a aquela xeira do presidente Soares polo provincia do Alto Minho que culminou nunha recepción en Valença aos intelectuais galegos, nos que Fraga Iribarne se apresurou a incluir a Camilo José Cela e así. A liga dos concellos do Limia non sei se é viva ou morta e a dos concellos do Miño xa a anulara o gobernardor Jorge Parada (PSOE) hai un mundo de tempo, por ameazar a unidade de España. Funciona, con escaso ánimo apesares de que o seu xerente, meu amigo Mao, é un entusiasta sincero, o Eixo Atlántico. Esta alianza de municipios é de alcance político moi limitado e son moitos os galegos que aspiran a máis no que se refere ás relacións entre Galicia e Portugal.
Entre as posibilidades reais que nos ofrece a Unión Europea está a de constituir euro-rexións. Unha euro-rexión factíbel cuxa posta en vigor reportaría beneficios de todo tipo aos pobos de aquén e de alén Miño e Xurés sería a que englobase o Noroeste ibérico, ou sexa a actual Galicia e o Norte de Portugal até a bacía do Douro (incluída). Os territorios galegófonos da Asturias Occidental, León e Zamora estarían incluídos nesta euro-rexión que só podería chamarse co vello nome de Gallaecia. Sei ben que existen reticencias ideolóxicas e políticas, así en Portugal como en España, que levan un mundo de tempo tratando de frear ou adiar o proxecto. Hai xa moito que a miña familia e os seus amigos vigueses somos, por utilitarismo, usuarios do Sa Carneiro do Porto, onde hai un letreiro que di: "O aeroporto de tódolos galegos" (en galego). Se observamos o movemento de mercadorías nas es-autoestradas e estradas de Galicia non podemos ignorar o aumento de vehículos portugueses ano tras ano. Cada vez más os visitantes portugueses de lecer non son só os siareiros do Corte Inglés de Vigo e chegan en masa a Compostela e á Coruña, cousa que hai pouco tempo non facían. Ao revés e en dirección ao Sul os nosos conveciños fanse cada vez máis frecuentadores de Portugal. As únicas librarías do territorio español que venden literatura en portugués son algunhas de Galicia.
Pois ben, a Xunta actual BNG-PSOE non diu pasos avante na constitución da euro-rexión Galicia-Norte de Portugal. Por suposto, á oposición do PP este tema parécelle espiñento e propicio a rachar España e, sempre maís de Aznar ca de Fraga Iribarne, Núñez Feijóo e Corina Porro únense ao histerismo da Galicia Bilingüe que detesta desde as simas da alma a restauración da unidade histórica galegoportuguesa. Esperemos que no próximo Parlamento do Hórreo se trate por fin deste tema despois das eleccións. Pro teñen que aparecer novos actores e actrices no escenario.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya