Sen dúbida que os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais están ao cabo da polémica. Ou mellor dito: ao cabo da reanudación da polémica, se é que esta tivo acougo algunha vez, naturalmente.

Desde logo, estoume a referir á controversia, litixio, porfía? por mor da conveniencia/inconveniencia da presenza galega na Feira Internacional do Libro da Habana: unha desputa que ocupou páxinas e máis páxinas -amén, claro é, de sonados debates parlamentarios- durante o ano que vimos de rematar e que, de novo, prende agora cando se vén de anunciar que a Consellería de Cultura xa ten asinado un contrato cunha coñecida axencia de viaxes para trasladar á capital cubana arredor de trinta persoas -entre membros da propia consellería e mais representantes do mundo da cultura- e que representa, algo arriba ou algo abaixo, un importe de arredor de 52.000 euros.

Para aviso de navegantes, e para coñecemento xeral, déixenme aclarar que este modesto cronista non figurou na lista de invitados -uns cento cincuenta- do 2008 nin tampouco reza na da presente convocatoria. Permitan Vdes. que lles conte un pouco máis a miña vida e que lembre que si fun convidado, non obstante, a eventos máis ou menos semellantes acontecidos no pasado: por exemplo, tiven certa participación no Congreso Internacional do Pen Club, celebrado en Santiago de Compostela en 1993, coa presenza, entre outros, de José Saramago, Torrente Ballester, Jorge Amado ou Salman Rushdie. Asemade, cómpre sinalar que quen remunera as presentes liñas non é ningún organismo oficial ou para-oficial e si, polo contrario, a empresa señora dona do xornal que teñen entre as mans. Traducido: que si existen -non son o único, felizmente!- xente da escrita neste país que facemos o noso labor porque nos gusta, porque nos peta e nos dá a gana. E, claro é, faltaría máis!, porque nolo pagan.

Paga a pena, daquela, -e disimulen Vdes. a redundancia- gastar os cartos públicos en actividades como a tal feira habanera? Trátase realmente dun esforzo decisivo na finalidade de proxectar a nosa literatura cara ao exterior, como xustifican algúns? Polo contrario, estamos apenas diante dunhas vacacións pagadas, por parte da Consellería, para os membros do seu club de "amigotes" e acólitos, como retrucan esoutros?

Se o noso fose, de veras, un país cunha cultura democrática, dona de seu cabe pensar que semellantes discusións estarían fóra de lugar. É dicir, o que si poderíamos debater son cuestións tales como cal pode ser/non ser a política axeitada para que os libros cheguen onde realmente deben chegar e se en tal política teñen que ter participación -e qué clase de participación- as institucións públicas, singularmente as medidas procedentes da Facenda. Debatiríamos, asemade, se escritores, críticos, editores, libreiros? todos os participantes da industria literaria están, ou non están, á altura das circunstancias dun novo tempo e dunha nova sociedade. Pensaríamos, en fin, xeitos para que o oficio de escritor sexa algo valorado socialmente e remunerado en consecuencia. Desde logo que os escritores poderían a seguir opinando disto ou daquilo, militando ou deixando de militar en plataformas, partidos políticos? mais o fundamental deles serían os libros que fosen quen de escribir.

Desafortunadamente, estamos lonxe de tal. Así, para algúns, actuacións que no pasado eran tan só "cultura de escaparate", puro derroche, dispendio, clientelismo? vense agora transformadas en acrítica acción patriótica, "adhesións inquebrantables", que non admite reparos nin sequera matices. O motivo de tal proceder? Será acaso ese mesmo de que "agora é diferente: mandan os nosos?"

Pero si vísibel é o anterior, ben máis ruíns, resentidas, apodrecidas, mesquiñas? absolutamente hipócritas resultan aínda esoutras actitudes, titulares, comentarios? daqueles que esbardallan arredor do dispendio que constitúen os 52.000 euros da viaxe. Porque o que de veras lles sucede a semellantes xentes é que, se por eles fosen, nin 52000 nin 5200 nin sequera 5,20 euros. O valor que lle conceden á literatura galega no seu conxunto -e carecen por enteiro de valor escusas tales como "antes si que había bos escritores e agora nada do que se escribe paga a pena", "habería que gastar eses cartos nunha verdadeira política de fomento á lectura", "non estamos para tales gastos habendo tantos galegos na cola do paro": trátase de pura e barata falacia antigaleguista, máis nada!- é menos que cero. E é que se por eles fose, os restos de Castelao xamais terían retornado. Mesmo como esoutros de Curros. Xa manda chover na Habana!