Máis sobre o Ceregumil

 

X. L. MÉNDEZ FERRÍN A lectura dun artigo espléndido de José Manuel Ponte tiro o proveito de me facer sabedor de que o Ceregumil aínda existe e ten cen anos. Para os que non o saiban: Ceregumil é un xarope reconstituínte que lle administraban aos meniños e que, ao parecer, aínda funciona no mercado farmacéutico.
Nos anos vinte a trinta do século pasado había un señor de Pontedeume destinado en Ourense como inspector de escolas chamado Couceiro Freijomil. Como home de letras e investigador erudito foi persoa prolífica. Autor dunha coñecida historia de Pontedeume, a súa erudición literaria faise evidente nun diccionario bibliográfico de escritores galegos, aínda útil a pesar das inexactitudes que contén. Como apéndice da xeografía de Galicia de Carreras Candi, Couceiro Freijomil escribiu El Idioma Gallego. Na parte gramatical, este Idioma plaxia sen dó a Gramática Histórica de García de Diego e, no apartado de literatura, pasan cousas piores. Vitriólico e virulento, Couceiro Freijomil, no seu apartado de historia da literatura galega contemporánea, fala con soberbia e desprezo contra Otero Pedrayo e trata de ridiculizar a Manuel Antonio e a Álvaro Cunqueiro -digamos só isto para amosar o modo como o bon señor foi contribuindo, aínda que en negativo, a construir as nosas preferencias. Como Deus escribe dereito con liñas tortas, Couceiro Freijomil insinounos o camiño real da literatura galega do século XX á beira do cal as estatuas de Otero, Manuel Antonio e Cunqueiro representan tres divinidades olímpicas para moitos. Chufábase Couceiro Freijomil de el ser o mellor recolector de cántigas populares galegas, que foi publicando periodicamente en La Zarpa, o xornal de Don Basilio Álvarez, baixo o epígrafe "Do meu feixe".
A obsesión de Couceiro Freijomil eran os galeguistas. Dedicaba a vida a observalos (mellor, a espialos) e a procurarlles os defectos. Armou unha polémica memorábel contra a bandeira azul e branca de Galicia nos días nos que a levantaba Cabanillas chamando á insurrección. Coma, antes ca el, Leopoldo Pedreira, e logo outros que chegan até os nosos días, Couceiro Freijomil formaba parte da tropa de galegos encabreados decer mal dos galeguistas e dos nacionalistas. Trátase dun xénero, dun tipo humano, dun modelo, que se vén reproducindo desde o século XIX deica hoxe: contra Rosalía, contra Murguía, contra a Academia Galega, contra as normas ou ausencia de normas ortográficas, contra os escritores, contra o Himno, contra todo o que se mova. Hai, mesmo, elementos no mundo universitario ou xornalismo que teñen como emprego principal do seu tempo o de lle buscar os defectos aos galeguistas e aos nacionalistas. Incluso hai prestixiosos xornais hoxe cuxa liña editorial preferente consiste nunha teimosa cruzada anti-nacionalista. Lendo a Couceiro Freijomil e a outros contemporáneos mesmo semella que nós os nacionalistas sexamos moi importantes e poderosos. Por veces a envexa termina por beneficiar un mundo ao envexado.
Dicía todo isto porque nos anos vinte e trinta do século XX, os galeguistas, fartos de seren molestados por unha vareixa chamada Couceiro Freijomil que non paraba de lles zoar arredor da cabeza, decidiron poñer- lle un alcume. Como os nacionalistas de antano eran moi boa xente e non sabían odiar, o alcume que lle puxeron a Couceiro Freijomil carecía de solimán e era doce. Puxéronlle "O Cergumil". Inocentes! Explícanos José Manuel Ponte que o Ceregumil sigue despachándose en farmacias.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya