A do cineasta vigués Demetrio Bilbatúa Rodríguez é desas historias do exilio que merecería ser mellor coñecida. Cando apenas contaba cun ano de idade, foron fusilados o seu pai, Demetrio (que tiña un estudio de fotografía na rúa Velázquez Moreno e era presidente do PSOE de Vigo) e os seus dous tíos, Antonino, oficial segundo de Telégrafos e deputado socialista, e Luís, xefe de Telégrafos. Demetrio e Antonino, tras sufrir un consello de guerra sen garantías ningunhas, foron pasados polas armas o 27 de agosto de 1936 no cemiterio de Pereiró, e Luís apareceu morto nunha gabia dunha curva de Puxeiros o 14 de setembro de 1936 froito dun dos paseos daquelas funestas brigadas do amencer. Un durísimo castigo para os membros dunha familia, a quen tamén se lle requisou o estudio de fotografía e se lle impuxo unha multa elevadísima as súas viúvas. Transcorridos setenta anos daqueles acontecementos, non hai dúbida de que os tres irmáns Bilbatúa Zubeldía non cometeron outro delito que ser dirixentes socialistas, estar afiliados á UGT e manter os ideais liberais e republicanos acuñados tras o 14 de abril.

Sagrario, a viúva de Demetrio, terá que coller os seus tres pequenos, Marisa, Ángel e o picariño Demetrio, e levalos cuns tíos á Coruña, onde intentarán recomezar as súas vidas. Na cidade herculina pasarán nove tristes e desgarradores anos, até que en 1945 embarcarán no porto de Vigo no trasatlántico "Magallanes" camiño da illa de Cuba e logo da península do Yucatán. Fora Margarita Bilbatúa Zubeldía, a súa tía, quen conseguira fuxir a Francia, a que, agora, dende México procuraba o reagrupamento familiar, despois de convencer a Sagrario que deberían abandonar España xa que o franquismo non ía poder derrotar o futuro dos seus tres fillos. Así comezou o exilio mexicano da familia Bilbatúa Rodríguez.

En México, aqueles "fillos de rojos", sentiron que todo un mundo se lles abría, un novo horizonte para as súas vidas, até entón marcadas pola represión do alzamento. O xove Demetrio estudará, primeiro no Colexio Madrid e no Instituto Luis Vives, e logo na Academia Hispano Mexicana, centros onde acudían os fillos de republicanos españois. Mentres, a súa irmá Marisa comezará a traballar na Librería Cristal e o seu irmán Ángel nun laboratorio fotográfico, continuando así coa tradición familiar, e, máis tarde, como camarógrafo do famoso xornalista Carlos Denegri. Experiencia a de Ángel decisiva para que a, comezos dos anos sesenta, creara con Demetrio a empresa "Servicios Fílmicos Hermanos Bilbatúa" dedicada, sobre todo, á confección de documentais de 35 mm.

O labor de cinedocumental dos Bilbatúa en México foi excepcional. Dende 1963 gravaron máis de mil películas que constitúen un testemuño fundamental para comprender a evolución da sociedade mexicana durante este periodo. Así o recolle o propio Demetrio nunha das súas películas máis recentes "El último país mágico" (2005), onde a partir da idea de que o cine é a arte do tempo e do espazo conxuga as imaxes gravadas durante estes cincuenta anos para ofrecer unha ollada sobre a embriagadora natureza mexicana, sobre os vestixios das culturas prehispánicas e as tradicións dun pobo que, para Bilbatúa (como para Pablo Neruda), forma parte do derradeiro país máxico. Bilbatúa e a súa cámara viviron con México unha auténtica historia de amor, percorrendo incansablemente o país dende o Pacifico á corrente do Golfo para atopar as imaxes máis impactantes e arriscadas que se teñan alí nunca filmado.

Froito desta angueira é o extraordinario legado documental, hoxe perfectamente organizado e conservado no Centro Cultural Cinematográfico, que Demetrio mima personalmente en Coyoacán, auténtica filmoteca nacional do audiovisual mexicano. Aquel fillo de pais fusilado, que chegou a México con apenas nove anos, convertiuse nunha testemuña privilexiada da historia do México contemporáneo, considerándose orgullosamente como un cidadán mexicano, non só por nacionalizarse como tal en 1970, senón e sobre todo por que foi alí onde atopou acollida para o seu oficio como creador e onde construíu o seu proxecto empresarial no eido da cinematografía. Hoxe Bilbatúa, continúa coa súa actividade como director e como responsable dos máis importantes estudos de dobraxe e de posprodución especializados en publicidade, cine e medios audiovisuais dos existentes en América Latina.

Dende hai tempo, Demetrio Bilbatúa viaxa con frecuencia a Vigo, onde mantén casa aberta. É incomprensible como despois de trinta anos de corporacións democráticas, os membros da familia Bilbatúa non recibiran aínda unha homenaxe por parte das nosas institucións. Quizais denominar ao auditorio municipal da Praza do Rei como "Irmáns Bilbatúa" podería ser unha forma de pagar esta débeda.

bretemas@gmail.com