Sempre en Ferrín

X0OSÉ RAMÓN PENA

 

Como, sen dúbida, coñecen ben os sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, o pasado venres, 28 de novembro, tivo lugar no paraninfo "Leónides de Carlos" do Instituto Sta. Irene un fermoso, emotivo e sinxelo acto: tratábase de render homenaxe, con motivo da súa xubilación como profesor -logo de máis de corenta anos de docencia nese mesmo lugar- , a Xosé Luís Méndez Ferrín, quen escribe con puntual mestría aquí ao lado, na porta independente situada máis á esquerda.
Na presenza de profesores, alumnos, exprofesores, exalumnos, xentes da cultura, das artes? amigos, en xeral -e tamén dos fillos de Ferrín e da súa muller, a querida amiga e compañeira, Moncha Fuentes-, este modesto cronista tivo a honra e mais o pracer de pronunciar unhas breves liñas das que quixera transcribir agora sequera unha parte como pequena estima, desta vez escrita, por alguén a quen admiro e de cuxa amizade desde hai moitos anos me prezo.
Hai dúas maneiras de interpretar a universalidade. A primeira delas consiste en coidar que a maior cantidade corresponde por forza maior calidade. De aí que haxa quen entenda que a postmodernidade conleva proclamar algo semellante a "horreos, non; aeroportos, si"; "protagonistas de novelas, relatos, producións audiovisuais? que bailen hip-hop si, personaxes que dancen muiñeiras nunca"; "citar o último best-seller, correcto, facer alusión a Xoán Montes ou a E. Blanco Amor, xamais". Do mesmo xeito, empregar unha "lingua universal", óptimo; utilizar o galego? para que?
Os resultados de tal están á vista: fatuidade, pensamento débil -ou xa directamente na Unidade de Cuidados Intensivos-, cosmopolitismo de opereta. E que cren, os que así se conducen, que con semellante actitude xa se liberaron para sempre do pecado orixinal -é dicir, do pecado orixinal que, para eles, constitúe formar parte dunha comunidade supostamente pequena, rural, arcaica? como consideran a galega-, para seren "cidadáns do mundo": algo parecido a que Vigo limite ao norte con Queen´s e ao sur, que sei eu, co barrio de Salamanca. Porén, non máis que terminais mediáticas, terminais artísticas, terminais lingüísticas, terminais literarias. Terminais en estado terminal.
Felizmente hai outro xeito de ser universais. E este é o de X.L. Méndez Ferrín.
Cando lemos as páxinas dun relato como "Licor-Café" ou cando asistimos a esoutras de "O castelo das poulas" asistimos arreo a esoutra maneira, espléndida, de auténtico universalismo. E é que ambas as narracións deseñan a súa trama en terras ourensás. Certamente, e a pouco que Vdes. lembren o contido, é doado entender que os relatos poderían acontecer noutros espazos, abondaría co feito de privilexiar certos ambientes? e sobre todo as alusións toponímicas concretas. Pero tanto "Licor café" como "O castelo das poulas" acontecen, como digo, en terras de Ourense; isto é, nun espazo plenamente universal.
Non se trata de ningunha maneira de que eu veña aquí facer ningunha especie de comentario crítico hidráluico -que diría Pedro Salinas, por aquilo da "procura das fontes"- pero non é difícil atopar nestes textos, e noutros de Ferrín, múltiples referencias da cultura universal: desde o cinema de Nagisa Oshima ou Akira Kurosawa até as narracións de Dino Buzzati. Como camiñamos á beira de Ezra Pound debullando os versos de "Con pólvora e magnolias".
E non obstante, nunca se trata dunha simple adaptación; non hai ningún afán por parte de Ferrín en vestirse con determinadas roupas, procurar ningunha sorte de "lexitimidade universal redentora". Antes ben, como verdadeiro escritor culto que é, Ferrín sabe peneirar o enorme caudal en que van confluír todos os ríos e regatos de todas as historias posibles. Faino con honesta paixón, participando abertamente da loita que o mundo das palabras, o mundo da arte e da imaxinación sosteñen contra toda opresión e todo silencio.
Participante plenamente ao longo de toda a súa traxectoria do materialismo dialéctico, X. L. Méndez Ferrín fixo súa a célebre undécima tese sobre Feuerbach de Friedrich Engels e Karl Marx: "Non se trata de interpretar o mundo, senón de transformalo". Fronte a aqueles que tentan impoñer a uniformidade asoballante, Méndez Ferrín ergue unha universalidade que nace da conciencia da identidade propia como un elemento a sumar na construción dun mundo libre para todos; na defensa apaixonada da súa xente, da Galiza que ama, atopa X.L. Méndez Ferrín o compromiso con todos os que sofren no mundo, coa historia por liberar o ser humano das cadeas que o aferrollan, sempre contra maquieiro.

CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo
Diari de Girona | Diario de Ibiza | Diario de Mallorca | Empordà | Información | La Opinión A Coruña | La Opinión de Granada | La Opinión de Málaga | La Opinión de Murcia | La Opinión de Tenerife | La Opinión de Zamora | La Provincia | La Nueva España | Levante-EMV | Mallorca Zeitung | Regió 7 | Superdeporte | The Adelaide Review | 97.7 La Radio | Blog Mis-Recetas | Euroresidentes | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya