Advertencia previa: esta columna pode ferir gravemente a súa susceptibilidade se é veciño, sobre todo propietario recente e hipotecado, dun deses edificios novos chapados en pedra e con balcóns de forxado negro. As consecuencias nese caso poden ir desde: 1.Caer nunha grave depresión. 2. Deixarse levar polo impulso de mandar unha carta ó director esixindo que prescinda inmediatamente de colaboradores coma min que atentan contra os sentimentos dos lectores. 3. Que experimente un desexo irrefreable de dicirme á cara o que pensa de min ou partirma directamente. Se non fai caso desta advertencia e como consecuencia diso se ve afectado por algunha destas patoloxías, rogaría que a súa orde de preferencias fose precisamente o indicado: 1, 2 e 3. Que conste que o avisei. Procedo.

O outro día fun a casa dun amigo que se acababa de mudar a un piso novo, construído no que no hai moito era un extrarradio relativo e agora se valora como unha zona céntrica posto que se dá chegado andando, poñéndose, a sitios coñecidos. O portal era o máis parecido que vin ós clubs nocturnos que saen nas películas de serie negra, pero en color: espellos, plantas, mármores, espazos enormes cheos de recunchos e luces que non aluman. Soamente faltaba a moza semivestida que vende tabaco nunha bandexa, porque música había. Non era jazz, precisamente, senón unha música desas inidentificables pensadas para que agrade a todo o mundo e o que conseguen é non gustarlle a ninguén en concreto. Unicamente deixar constancia de que se escoita unha música. O tranganillo acompañoume mentres me perdía polos recunchos, enganado polos espellos, fascinado pola combinación de plateado/dourado/metacrilato das fileiras de buzóns, ata que atopei o ascensor. Subiu comigo (o tranganillo) nel e non me deu acougo siquera no descansillo. "Non a apagan ata as 12 da noite", díxome o meu amigo cando pechou a porta, sen que eu necesitara explicarlle por que traía a cara que traía.

O fío musical -máis ben carrete- é un exemplo e sobre todo un símbolo de algo evidente que non entendo. Entendo que os tanatorios -a arquitectura máis semellante ó que vin- derivaran a esa tipoloxía pola necesidade de crear de cero un deseño que combinara o uso popular co luxo aparente. Pero ese era un edificio caro, así que, en realidade, hai tanta xente con cartos e o gusto estragado? Esa combinación de ferraxes imitación verxa do Palacio de Oriente, pedra pulida e latón figurando bronce que preside o conxunto é o obxecto de desexo das novas clases altas, ou os novos ricos, ademais de novos, son lexión? Iso no que respecta ós propietarios. No que incumbe ós arquitectos que perpetran ese mestura de espazos para vivir que recordan os de morrer, vénse obrigado a asinar os proxectos a gusto do cliente porque hai que comer e logo danse á bebida ou ós estupefacientes, ata ir collendo callo, como supoño que fan os que fan autopsias? Ou quizais, a causa dalgunha mutación ou unha malformación profesional, hainos especializados nese tipo de gusto? O caso é que Galicia xa está a facer unha achega cultural máis, despois do Camiño de Santiago e as cantigas de amigo e maldicer, ó panorama mundial, e nun sector no que non había demasiadas novidades desde os faraóns: a arquitectura tanatoria.