EN DIRECTO

Lydia Kuper

X. L. MÉNDEZ FERRÍN

 

O alzamento franquista perseguiu de forma terríbel varias familias xudías que radicaran entre nós vindas de lonxe. Refírome aos Dainoff de Ourense e aos Zsbarski e Kuper de Pontevedra e Vigo. Tratábase de xudeus de orixe europea-oriental que cambiaran o uso do yiddish ou jüdisch polo do ruso e do castelán (ou do galego) e que deixaran, naturalmente, de ser relixiosos. Os membros destas familias eran cidadáns (daquela si) moi cultos e de pensamento republicano de esquerdas. A actividade profisional destas xentes era a estomatoloxía ou a odontoloxía: como dentistas foron moi aprezados. Como veciños, respectadísimos.
Caso sonado foi o de Abraham Zsbarski, preso en San Simón e asasinado polos falangistas sen formación de causa. Un fillo deste ocupa un lugar central na historia de Galicia en 1936. Médico pola Universidade Compostelana e tenente de complemento, Zsbarski o Mozo foi, no Goberno Civil de Pontevedra, elemento fundamental do Comité da Fronte Popular que intentou o 20 de xullo de 1936 resistir o golpe fascista. Zsbarski (entendo que comunista), Guiances (socialista) e Bóveda (galeguista) resultaron condenados á pena capital por un consello de guerra formado por xefes e oficiais sen honor. A Guiances conmutáronlle a pena de morte pola de cadea perpetua pro os seus compañeiros caíron baixo as balas do pelotón de fusilamento. O franquismo perseguiu e dispersou o que quedaba das familias Dainoff, Zsbarski e Kuper. O sionismo e os amigos de Israel en Galicia nunca falaron destes xudeus galegos.
Voces e foros novos están a facer historia das mulleres galegas que destacaron en tempos recentes. A viguesa Lydia Kuper (ou Kúper de Velasco), ben pouco tida en conta, merecía unha investigación biográfica en regra. Sendo ela mociña asistiu na Facultade de Letras de Madrid (a dos finos e esguíos ulmeiros: Otero) ás clases de luminarias intelectuais da escola de Menéndez Pidal como Pedro Salinas. Lydia viviu no departamento feminino da Residencia de Estudiantes so a tutela de María de Maeztu e alí coincidiu con Teresa Díaz, outra ilustre viguesa que foi catedrática de inglés e directora do Instituto Feminino que hoxe leva o nome de San Tomé de Freixeiro. Destruída e dispersada a familia Kuper, a xoven Lydia asentou para sempre en Madrid.
"Que tendrán los novelistas rusos que los traduce del francés un catalán que no sabe castellano y aún así nos fascinan". Non sei se estas palabras atribuídas a Lorca foron ou non pronunciadas algunha vez na Cervecería de Correos, en Bakanik ou no paseo á lúa pola Quintana dos Mortos (ou Quintá de Mortos). En todo caso Lydia Kuper traduciu do ruso ao castelán maxistralmente, incluíndose no seu catálogo os autores soviéticos. Hai pouco, Lydia culminou (con case 90 anos de idade), o seu Guerra y Paz: a mellor traducción que da obra catedralicia de Tolstoi se teña feito a lingua románica ningunha, din os que saben. Mario Muchnik (Taller e Persoa) foi o editor entusiasmado.
Eu agora evoco o día no que esta intelectual recuperou emocionada de mans do gobernador de Pontevedra Virginio Fuentes a bolsa de papel que contiña unha presa de moedas de ouro que lle foran expropiadas á súa familia en 1936. Con Lydia estaba o seu curmao Elías, director dos deportes en Novidades de Moscova que sempre tiña presente o Celta nas súas crónicas nostálxicas. Luís Ferreiro Loredo, que estaba tamén no acto, poderalles contar mellor ca min todo isto.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya