ÚLTIMA HORA
Pescanova adjudica a Armón la renovación de su flota

O Ourense de Marcos Valcárcel

Manuel Bragado

 

Máis de trescentas persoas reunímonos onte en Ourense para participar na homenaxe que se lle tributou ao escritor, historiador e profesor Marcos Valcárcel con motivo da presentación do seu libro, "Historia de Ourense" (Xerais 2008). Unha manifestación de gratitude que recoñece a actividade incesante que, dende hai vinte e cinco anos, Valcárcel desenvolve nas páxinas dos xornais, nas súas intervencións orais ou, máis recentemente, nesa praza das letras dixital que é "As uvas na solaina", o blog de información e debate cultural máis relevante dos existentes en lingua galega . Non hai dúbida de que Marcos Valcárcel é un dos nosos máis destacados columnistas do xornalismo literario moderno. Mais tamén é investigador rigoroso e erudito. É profesor exemplar. É militante comprometido da causa da lingua de todos. É cidadán da república libre da utopía galeguista. É, sobre todo, un formidable modelo humano no que todos podemos espellarnos.

Boa parte desas angueiras esculcadoras e cívicas levouno a devorcarse, xa dende a súa mocidade universitaria, a estudar as relacións da cidade de Ourense coa historia do galeguismo e, por extensión, as relacións da súa Auria natal coa súa historia cultural. Desta preocupación naceron moitos dos seus libros máis coñecidos: "A prensa en Ourense e a súa provincia" (1987), "A cidade da Xeración Nós" (1996) ou "Pé das Burgas. Estudos de historia, literatura e xornalismo" (1998). Valcárcel é hoxe a primeira autoridade mundial no estudo de Ourense como a grande cidade literaria galega. Velaí os seus estudos sobre figuras como Pedrayo, Blanco Amor, Tovar, Ferro Couselo, Xoaquín Lourenzo, Prado Lameiro ou Casares. Velaí a súa interpretación integral deste feito singularísimo realizado nun traballo memorable "Ourense, a gran cidade literaria", incluído no álbum de postais "A memoria de Ourense" (Xerais 1999).

Marcos sabe que cada cidade ten o seu celme, unha alma propia acuñada polos devires da súa cidadanía durante séculos. Para el, Ourense, ademais dunha comunidade humana asentada sobre as terras antigas dunha fosa estreita na confluencia dos ríos Barbaña e Loña, afluentes do pai Miño, encrucillada, tamén, de vías estratéxicas de comunicación, é unha grande invención literaria forxada día a día, desde hai máis dun século, polos seus escritores. Unha cidade que é unha marabillosa construción destas fábricas de imaxinación chamadas Valentín Lamas Carvajal, Heraclio Pérez Placer ou Francisco Álvarez de Nóvoa, por só citar as pioneiras dunha longa relación de autores. Fabricantes artesanais que foron capaces de acometer a proeza de transformar a memoria atesourada polas rúas desta cidade no seu material literario por excelencia. Lendo a Marcos comprendemos as razóns polas que Ourense é unha cidade alicerzada sobre palabras pétreas.

No libro presentado onte, "Historia de Ourense", Marcos destila en sesenta páxinas a súa capacidade didáctica e o seu extraordinario coñecemento erudito arredor desta cidade-ponte e do seu espectacular legado cultural. Cunha prosa clarísima e potentemente evocadora, nun esforzo de síntese moi complexo, propón un percorrido diacrónico, unha viaxe polo tempo e polos espazos, desta cidade de longa historia, que vai dende o mundo romano, pasando pola cidade episcopal (Sede Auriensis) e medieval, até a cidade contemporánea nacida no século XIX que tras o tempo de entusiasmo republicano, os horrores do levantamento militar e da ditadura, chegou cun pulo renovado aos nosos días.

Benvida, pois, esta preciosa e esencial lección de historia local, concibida para contribuír á recuperación da memoria histórica e cultural de Auria e para un mellor coñecemento e maior autoestima dos seus cidadáns. Un libro, tan breve como sólido, que abre unha fonte nova dese manantío permanente de sabedoría e bo facer que o noso amigo Marcos Valcárcel ven ofrecendo, sempre coa maior humildade e discreción. En día tan sinalado para el, todas as nosas beizóns e mellores desexos.


bretemas@gmail.com

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya