"Carregar água com a peneira"

 

X. L. MÉNDEZ FERRÍN Mándame o amigo Francisco Duarte Mangas desde o Porto información valiosa. A "Associação de Jornalistas e Homens de Letras" da cidade que diu nome a Portugal completou, o día 13 de outubro, os seus primeiros 126 anos de idade. A pesares do machismo que poida suxerir o nome da sociedade veterana, a que citaremos en diante AJHLP, este organismo desde o seu nacemento amostrou unha clara tendencia ao femenismo, como se fai evidente coa presenza nela de Clorinda de Azevedo en 1901 e de Agustina Bessa-Luís na Dirección en anos non moi distantes. Desde o seu nacemento, a AJHLP tomou partido pola liberdade de expresión e polas grandes causas populares, o que se fai máis intenso despois do 25 de Abril. Profundamente local portuense e ao mesmo tempo aberta ao mundo e a todas as correntes da cultura emancipadora, a AJHLP nunca esquenceu a Galicia e sempre procurou a presenza da nosa nación e lingua nas súas actividades.
Resulta, así, simbólico o feito de o presidente da República Bernardino Machado, home ceibe e ligado co noso mundo de aquén Miño polos amargues días do exilio, ser quen oficiase na cerimonia da primeira pedra do predio físico que albergou a Institución por volta de 1930. Non convén esquencer que esta Associação foi e segue a ser a impulsora do Premio de Narrativa Galega e Portuguesa amparado polo Eixo Atlántico. Cando o tal Eixo Atlántico deixe de ser unha entidade virtual, como acaba de decer moi ben o señor Mao, e se faga substancia tanxíbel posibelmente co nome reconstituído de Gallaecia, a AJHLP terá a misión de liderar, coas institucións galegas coas que xa está ligada, as actividades culturais dunha Eurorrexión que reproduzca nos nosos días a morfoloxía exterior e a tradición milenaria da vella provincia romana e do cuase esquencido reino dos Suevos.
Nos anos cincuenta do século pasado, as relacións da AJHLP con Galicia eran moi fluídas a pesar do salazarismo e a pesar do franquismo. A "Asociación da Prensa de Vigo" non saía do Porto e a AJHLP estaba sempre en Vigo, na vella sede de Marqués de Valladares e xusto porta con porta do consulado de Portugal. A Academia Galega e o tamén venerábel Instituto Histórico do Minho mantiveron a tradición do Seminario de Estudos Galegos, clausurado polo fascismo español, e promoveron actividades de edición, congresuais e de todo tipo que non figuraban na axenda académica das dúas dictaduras. Aí estaba sempre a AJHLP que, precisamente no ecuador do século XX, promoveu o acontemento máis importante, pola súa simboloxía, das relacións galegoportugueses contemporáneas.
Refírome á erección na cidade do Porto dun monumento a Rosalía de Castro e á denominación de Praça da Galiza á que acolle a tal escultura pública. As cerimonias tiveron unha grande repercusión na imprensa galega e portuguesa, así como foron mirados con sospeitas, medo e repulsa polo goberno franquista e pola embaixada de España en Lisboa. En correspondencia, Vigo levantou un monumento (modesto, hai que o decer) no centro da cidade de Camoes, que a tradición di proceder familiarmente de Camos (Nigrán), e lle diu o nome de Praza de Portugal ao lugar.
Aínda a AJHLP e personalidades tais como Óscar Lopes e J. Viale Moutinho tiveron moito que ver coa creación dunha cadeira de cultura galega na Universidade do Porto despois do 25 de Abril, cadeira que desempeñou a nosa refuxiada política Margarita Ledo Andión e que, mais tarde, se extinguiu non sen deixar a tras un ronsel saudoso e un recordo imborrábel.
Este cronista, en canto que membro galego da AJHLP, felicita na persoa de Duarte Mangas os corpos xerentes da institución por estes 126 anos de labor incasábel que eles hoxe chaman, con humor e ánimo alegre, "carregar água com a peneira".

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya