O pasado domingo o ceo amenceu anubrado sobre a ría, expresando a súa melancolía pola derradeira visita que o "Queen Elizabeth 2" (QE2) realizaba ao noso porto. Xusto ao mediodía, a esbelta cheminea cunard, vermella e negra, desprazábase entre os edificios de Torrecedeira e o Berbés empurrando amodiño a elegante silueta de arquitectura móbil que emproaba cara a Estación Marítima. Puntualmente, ás oito do serán, co día xa vencido, un fermosísimo QE2 agradecía coas súas lumieiras e o son grave das sirenas o derradeiro adeus que case un cento de vigueses anónimos lle tributaban dende o peirao. Esa foi toda a homenaxe que Vigo rendeu a derradeira escala do máis famoso trasatlántico do mundo en activo. Triste, moi triste.

Porén, Vigo e o seu porto viviron durante trinta e nove anos, dende a primeira arribada da chamada "dona dos mares" en 1969 (dous anos despois da súa botadura nos estaleiros escoceses de Clydebank), unha estreita relación co QE2 que merecía outra despedida. O seu elegantísimo porte en branco e negro de case trescentos metros de eslora e proa afiada, a súa fasquía clásica de trece cubertas de coidada decoración, a súa espectacular velocidade de trinta e catro nós converteron durante catro décadas a este buque nunha das marabillas do mundo marítimo e no primeiro embaixador de cada un dos selectos portos onde atracaba (coma o noso onde aportou en dezaseis ocasións). Construído pola Cunard Line para cubrir dende 1969 a rota que unía Southampton con Nova York, dende a metade dos anos setenta (co devalar do tráfico trasatlántico regular) foi empregado para realizar cruceiros. Ao longo da súa vida cruzou o Atlántico en 800 ocasións, deu a volta ao mundo en vinte e cinco ocasións, navegou cinco millóns de millas náuticas (unha barbaridade!) e transportou a case dous millóns e medio de pasaxeiros; mesmo na súa máis lamentable travesía, en 1982 foi utilizado polo goberno británico como transporte de tropas durante a Guerra das Malvinas.

Esta derradeira visita do QE2 a Vigo tiña significado xa que supoñía, tamén, a derradeira arribada que realizaba a un porto camiño da súa base en Southampton, desde onde emprenderá ao longo deste mes de novembro a súa derradeira singradura até Dubai, onde a partir do 27 de novembro lle agarda unha atracada permanente en Palm Jumeirah, a illa artificial máis grande e exclusiva do mundo, onde, tras unha adaptación dos seus interiores (valorada en trescentos millóns de euros), os seus novecentos camarotes serán transformados pola empresa Dubai World (que o mercou por setenta e cinco millóns de euros) nun hotel de "súper luxo" de sete estrelas.

O máis sorprendente desta derradeira escala do QE2 (unha das tres xoias da Cunard Line, a navieira máis antiga do mundo e propietaria, tamén, do modernísimo "Queen Mary 2", que, non o esquezamos, elixiu a formidable ría nosa para realizar en 2004 as súas primeiras probas, sendo o de Vigo o primeiro porto onde atracou tras saír dos estaleiros de Saint Nazaire) é a descortesía institucional das autoridades municipais e portuarias viguesas que non tiveron detalle ningún cun dos buques que levou o nome de Vigo por todos os mares do mundo. Un caso insólito! O pasado 16 de outubro, milleiros de embarcacións despedírono en Nova York. Semellante recoñecemento tivo noutros portos peninsulares, como Valencia (cidade que visitou por vez primeira en 2006) na que a Autoridade Portuaria e os responsables municipais de turismo tributáronlle unha homenaxe; A Coruña (o pasado 27 de abril) onde foi despedido por unha banda de gaitas contratada polo concello; Getxo-Bilbao (o 24 de outubro) onde foi despedido por autoridades municipais, forais e portuarias; ou Xibraltar, onde antes da partida cara a Vigo, foi despedido coas maiores honras institucionais.

As autoridades viguesas semella que non souberon de acontecemento internacionalmente tan salientable. Parece incrible que nin o alcalde, antigo responsable da Autoridade Portuaria, nin o vicealcalde, responsable da proxección turística da cidade, considerasen oportuno perder sequera uns minutos do seu domingo para agradecer, en nome de todos os vigueses, aos responsable do QE2 todo o que esta marabilla da arquitectura móbil fixo pola cidade española coa que estaba máis vencellado. Decepcionante! Máis aínda cando as actuais autoridades municipais levan gastado non só o seu tempo, senón moitos milleiros de euros do peto de todos os vigueses, en supostas "iniciativas de proxección internacional" (a proba do campionato de motonáutica é o exemplo máis recente) de moi dubidosa rendabilidade social e económica. No entanto, aos cidadáns quedaranos na memoria a preguiceira beleza móbil do QE2 movéndose o pasado domingo entre os nosos edificios. É o noso adeus. Bye bye, QE2!

bretemas@gmail.com