Como, sen dúbida, coñecen xa todos os, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais, velaí que a XVIII Duquesa de Alba -por certo, tamén duquesa de Arjona, de Híjar, de Liria? marquesa de la Algaba? condesa de Lemos, de Monterrei?, señora de Moguer- solicitou o secuestro da revista satírica semanal "El Jueves" diante dun xulgado de arenal de Sevilla y olé/llevan las sevillanas en la mantilla/un letrero que dice ¡Viva Sevilla! O motivo de tan ariostocrático proceder reside no feito de que os "jueveros" veñen de publicar en portada unha viñeta alusiva ao namoro, romance? -outras versións, impías e volterianas, empregan fórmulas moito menos pudorosas_ que Dna. María del Rosario Cayetana Alfonsa Victoria Eugenia Francisca Fitz-James Stuart y de Silva, oitenta e dúas primaveras, dúas veces viúva, de profesión catorce veces "grande de España", está a vivir con D. Alfonso Díez Carabantes, solteiro, cincuenta e oito outonos, natural de Palencia, e de profesión os seus labores, digo funcionario do Ministerio de Traballo. Na referida portada, Dna. Cayetana aparece deitada sobre unha cama, semicuberta de billetes -e emulando, é un dicir, a Mena Suvari no excelente film de Sam Mendes, "American Beauty"-, ao tempo que informa: "¡Estoy sola, llámame!"

Eu, non sei que opinarán Vdes. do caso; pero o que é un servidor, unha vez contemplada a viñeta en cuestión, de certo que non entendo moi ben os motivos do enfado por parte da Señora Duquesa. Vale, iso si, que os debuxantes de "El Jueves" non son precisamente Francisco de Goya -quen pintara, como é dabondo sabido, á súa tocaia e antecesora, Cayetana de Silva y Álvarez de Toledo-, pero? que máis lle quere? Loira platino, labios carnosos, ollada enigmática, curvas insinuantes? Que non darían por tal outras nobres e/ou plebeas: poñamos por caso, que sei eu, Marujita Díaz, Sara Montiel? coitadas delas que tan só teñen portada xa nos libros de Historia Natural e mais nos manuais de Xeoloxía!

En fin; tal semella que non haxa moito "feeling", ningunha clase de química feliz entre "El Jueves" e mais as persoas de sangue azul. E é que lembren os lectores, sen ir máis lonxe, a que se armou cando en xullo do ano pasado o xuíz Juan del Olmo anunciou urbi et orbi o secuestro da revista, por mor daquela célebre portada na que os príncipes de Asturias aparecían nunha "postura sexual explícita" relacionada coas medidas de axuda económica ao nacemento de fillos que viñan de ser anunciadas, tamén urbi et orbi, polo presidente do goberno D. J.L. Rodríguez Zapatero e rondallas axduntas.

"All you need is love", cantaban John Lennon and cia aló polos felices (?) anos sesenta do século pasado. Pois iso é tal. Porque xustamente un acto de amor entre as Súas Altezas Reais -ademais, amor do "de toda la vida", heterosexual, como Deus manda e a raíña de España lle significou a Pilar Urbano; nada de sumar peras con mazás made in ZP e Boris Izaguirre- é iso que presentaba a viñeta de "El Jueves" naquela singular ocasión de hai algo máis que un ano. E de novo o amor entre unha muller e un home que se aman, Cayetana e Alfonso -Caye e Fonsi para os amigos_- vén ser o motivo desa nova portada da que estamos a falar ao longo destas liñas. "Tú a lo mejor te imaginas/que yo, por tus años,/me voy a cansar./En el cariño, serrano/a, yo me considero de tu misma edad? No se me importan tus canas/ni el sentir de los demás/lo que me importa es que sepas/que te quiero de verdad" : así cantaba, da súa parte, a copla Miguel de Molina -ou era, mellor, Marifé de Triana?; en fin, tampouco é que haxa tanta diferenza entre eles, volante arriba, volante abaixo- e así deberían sabelo ben a Duquesa e mais o seu flamante noivo. Está ben claro que os de "El Jueves" -falsamente alcumados de revoltés_ non son máis que uns coitados incomprendidos, como case sempre acontece, polo demais, cos humoristas. Vaia; o dito/escrito máis arriba: "All you need is love" e que lembren os interesados que amor se escribe con "h". Con "h" de humor, claro.

A non ser, claro é, que a Señora Duquesa e mais os seus compadres/comadres pretendan seguir para adiante e secuestrar o noso dereito ao riso, á libre brincadeira. En tal caso, ben podería acontecer que unha boa mañá este país despertase moi serio e decidise que xa vai dabondo de secuestros: por exemplo, dese mesmo que nos impide exercer aínda o dereito democrático a considerar se queremos/non queremos duquesas e altezas. Vaia; que nin unha pinga de sangue azul, Cayetana.