EN DIRECTO

Un xuíz con ideas

Xosé Luís Méndez Ferrín

 03:47  

O mundo xurídico galego rendeulle homenaxe a Orencio Pérez González ao lle descobrir un busto nos xardíns da Domus Iustitiae de Vigo (así agora soen chamar en Portugal os edificios que albergan os seus tribunais). Non puiden estar no acto en persoa, pero o máis vivo e punxente da miña memoria si que voou alí e participou dalgunha maneira. Polo que vin na prensa, houbo excelentes discursos, aínda que o de Alfonso Álvarez Gándara, decano dos avogados de Vigo, debeu de ser o máis duro e incomodante para algúns porque todo indica que tocou na ferida: o galego, se seguimos así, pode extinguirse e requírense medidas públicas que invirtan o proceso en marcha. O retroceso do uso do galego debería converterse nunha recuperación asistida por políticas eficaces e resoltas. A falacia do movemento que se chama a si mesmo Galicia bilingüe/tamén, segundo me din, foi feita evidente polo decano, que é un dos grandes oradores do noso tempo en Galicia.
Certo que Orencio Pérez González foi un modelo de eficacia no proceso de reintroducción do idioma galego na administración de Xustiza do onde fora expulsado a principios do século XVI. O uso exclusivo do castelán nos tribunais durante cincocentos anos de oprobio foi un dos factores que levou os galegos ao complexo de inferioridade pavoroso no que aínda en parte se encontran. Os tribunais que falaban en castelán revestidos coas togas e o cerimonial da xustiza xunto co da liturxia católica, coa súa pompa desvergoñada, falando tamén o castelán cando deixaba o latín e se facían actual, foron os dous factores principais do proceso de castelanización e de perda do idioma e da identidade de Galicia. A pesar da Igrexa católica e a pesar dos tribunais, e de toda a administración pública secularmente castelanizada, na que se inclúe a escola e a universidade, o noso idioma de Galicia perviviu até os nosos días. "Sodes, pois, uns imperialistas fracasados", dicíalle Castelao aos casteláns e aos colonizados de Galicia cunha daquelas súas imprecacións lapidarias.
O secretario de xulgado e maxistrado Orencio Pérez González foi, alén de galeguista, un home de principios e de ideas, seguindo aquela liña inmutábel que se inicia en 1846 (ou antes) e que se compón en partes iguais de democracia e de nacionalismo en Galicia. Un libriño editado pola Irmandade Xurídica Galega e pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística acaba de sair a luz e nel recóllense diversos escritos de Orencio Pérez, moitos publicados nas páxinas do FARO DE VIGO. Percorrendo estes escritos concisos e claros chegamos ao interior do pensamento do autor, que é fondamente galeguista pero tamén fondamente republicano, aínda que este cronista non estea totalmente dacordo con algunhas das súas propostas. Se cadra a idea de Manuel Azaña que defendía Orencio ou a visión nidiamente negativa que o noso xurista tiña do Mariscal. Pero Pardo de Cela non coincidían coas que eu e outros pouideramos soster. Pero os seus textos sobre o laicismo e sobre o incomprensíbel cofisionalismo que domina a Galicia autónoma e a España monárquica-constitucional de hoxe constitúen para min textos ideolóxicos de primeiro orde que representan o pensamento que debería fundamentar toda a política contemporánea en materia de libertade de cultos. Estanse a celebrar estes días os fastos e conmemoración da francesada. Pois ben, e isto só é un exemplo, Orencio Pérez González foi dos poucos homes de letras (el tamén o era) que lle recordou ao pobo que a primeira constitución española foi a promulgada polo Rei Xosé en Baiona de Franza e que esta carta bonapartista poido abrir España á contemporaneidade, co cal as celebracións viguesas da Reconquista ficaron definitivamente reducidas a farsa. Así era Orencio Pérez González e así o lembramos.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya