Pois é, si señor! Velaí que xa temos novo emperador electo e que, en virtude de tal, lle debamos decontado o preceptivo saúdo. Mágoa, desde logo, que aínda non se nos concedese o dereito a participar directamente no proceso electoral, pero? quen sabe? Todo se andará! Non obstante, permitan os sempre moi amables lectores unha pequena viaxe no túnel do tempo.

Verán: se a memoria deste modesto cronista non falla e mais os libros de historia non menten, tal semella que foi por volta do ano 212 da era cristiá cando o emperador Caracalla lles concedeu aos nosos devanceiros a honra e o privilexio de atinxiren a plena cidadanía romana. Discreparon, e discrepan aínda, iso si, os entendidos acerca das verdadeiras motivacións que impulsaron a Marco Aurelio Basiano -tal era o seu verdadeiro,e oficial, nome- na hora de tomar tan transcendental decisión. Deste xeito, mentres que na estima dalgúns -poñamos por caso, Santo Agostiño- todo se debeu á máis desprendida das xenerosidades, opinan, mentres, os revoltés que nanai diso: ben polo contrario, os gastos imperiais, sobre todo os militares, chegaran a un punto tal que tan só cun decidido aumento no número de contribuíntes resultaba posible seguir mantendo a fidelidade e mais a disciplina das lexións. Porén, fose como fose, coida o autor destas liñas que, despois de todo, tamén convén lembrar que o propio Caracalla non deixaba de ser un provinciano -ao cabo, viñera ao mundo na actual Lyon de la France- e que a súa subida ao trono acaso se puidese considerar como unha demostración práctica do "Roman way of life". Xa saben Vdes: "Se traballas forte e duro, en Roma podes chegar onde ti queiras, rapaz!"; "Somos un gran país"; "I have a dream" ou como debamos poñer iso en latín culto e/ou vulgar. En todo caso, o da cidadanía romana non deibaxa de ter o seu aquel; sen ir máis lonxe, San Paulo -Paulo de Tarsos para os volterianos e impíos que andan coa cousa esa da Educación para a Cidadanía; Paulo of Tarsos na Valencia de Francisco Camps (sic!)- chegou a apelar á súa calidade de romano de pleno dereito para liberarse dos acusadores fariseos e demais xentalla de mal vivir que o pretendían amolar.

Así as cousas, non faltan xa entre nós aqueles que propoñen que nos sexa concedida de vez a cidadanía do verdadeiro imperio dos nosos días a todos os habitantes do mesmo e, xa que logo, o dereito a participarmos na elección do presidente.

Desde as páxinas deste venerable rotativo, D. Ánxel Vence -caro e antigo superior xerárquico- vén teimando, xustamente, en tal pretensión. Pois ben; se Marco Aurelio Basiano tivo todo un xesto no seu tempo, algo se podería agardar, da súa parte, do novo césar Barack Hussein Obama Jr. Ao cabo, Caracalla -xa quedou sinalado máis arriba- era un provinciano; unha condición que moi ben podería entrar en correspondencia, desde a óptica actual, con estoutra de afro-americano que ostenta o flamante vencedor das eleccións Usa. E é que, despois de todo, aquí do que se trata é de ofertar credibilidade, nonsí? Frente á imaxe de resesa unanimidade Sith -Darth Vader, Bush Jr., McCain-, xorde a esperanza do retorno dos cabaleiros Jedi -Luke Skywalker, os espíritos dos Kennedy? e agora Obama- e mais a conversión da Casa Branca en algo semellante ao planeta Coruscant onde, como non ignoran os seguidores de Star Wars, se erguen o Senado Galáctico e mais o Templo Jedi.

"Coitadiños de vós, miñaxoias que sodes, aínda a coidardes en Papá Noel, Santa Clasus e/ou os Reis Magos!", anda a retrucar por aí adiante todo un monllo de eternos agnósticos, descreídos, nihilistas ateos. "Estades trabucados -replícanlles á súa vez os devotos-.En Papá Noel e mais en Santa Claus non cremos. Tocante aos Reis Magos? vale: Melchor e Gaspar son de mentira; pero Baltasar? Baltasar, iso xa é outra cousa!"

Maximino "o Tracio", Filipo "o Árabe", Claudio II "o Gótico"? as xentes de provincias chegaron a gobernar Roma. Afro-americanos hoxe? mañá acaso un/unha hispano/a ou asiático/a? Quen sabe? Os camiños de Hollywood, digo de Washington, son inescrutables de seu! "Ave, Caesar, morituri te salutant", proclamaban os gladiadores. A ver se hai sorte e unha de dúas: ou asistimos ao circo como espectadores ou, polo menos, os leóns xa veñen domesticados de fábrica.